Hoxe é Venres 20 de Febreiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os veteranos de Tío Emilio lembran 39 anos de risos, coplas e tacóns

b8c4d717-738f-4b32-b7bd-cfe32dcdc266
Entrevista completa con Luis, Quique e Lucho da Comparsa Tío Emilio.

A Comparsa Tío Emilio de Redondela, unha das máis históricas e emblemáticas do Entroido da vila, cumpre 39 anos de traxectoria ininterrompida (fundada en 1987) e segue sendo un símbolo de tradición, humor e amizade. Así o puxeron de manifesto tres dos seus membros máis míticos e veteranos —Luís, Lucho e Quique— nunha emotiva entrevista en Radio Redondela, onde repasaron orixes, anécdotas e a evolución do grupo.

Luis, Quique e Lucho.

A idea naceu grazas a Emilio Argibay, un home cun humor excepcional e gran capacidade para conectar coa xente, quen deu nome á comparsa en memoria súa. Partiu dunha peña de amigos chamada “os fillos de Xan Carallás”, que facían comidas e ceas, e un día Emilio propuxo saír polo Entroido. Comezaron sendo un grupo reducido, pero axiña creceu ata os 30-40 membros anuais, participando nos primeiros desfiles dominicais do Entroido redondelán, cando apenas había outras comparsas como a do Muro.

Luís e Lucho, fundadores dende o primeiro día, e Quique, quen se incorporou máis tarde pero pasou moitos anos no grupo xunto co histórico Pepe Xirelo co que se disfrazaba de muller, destacaron a constancia da comparsa: “Chovera, ventara ou houbese pandemia, Tío Emilio saía todos os anos”. Este 2026, malia o aprazamento do desfile oficial ao domingo 22 de febreiro por mor da choiva, o grupo non fallou e fixo pasarrúas pola mañá do día previsto, manteñen a tradición de saír completos o domingo principal.

Un dos elementos máis característicos foi a presenza de homes vestidos de muller abrindo o desfile, idea de Xirelo (unha figura moi querida que tristemente faleceu novo) e Quique. “Non había mulleres na comparsa, así que nos vestimos nós e foi un éxito total”, recordan entre risos, destacando que “tiñan cantidade de mozos para eles” e que camiñaban con arte en tacóns altos como se fosen pasarelas.

A comparsa foi pioneira noutros aspectos: levaba carro con música moi potente (inventado por Lolo, o responsable de son), cando aínda non era habitual, e facían coplas satíricas sobre política local, autonómica e estatal, adaptadas a melodías coñecidas. “Saíamos cantando polas rúas e bares, había música e era un non parar”, explican, lamentando que ese espírito máis espontáneo e crítico se perdeu algo hoxe en día.

Os disfraces eran case sempre feitos a medida por costureiras (os primeiros anos polas propias mulleres), con temáticas creativas como franceses invadindo o Concello de Redondela ou anos temáticos con disfraces de mexicanos ou circo. Tamén tiñan tradicións internas moi divertidas, como os bautizos con viño aos novos membros , discursos humorísticos e comidas longas de cocido e orellas en lugares emblemáticos da Vila.

A pesar de que os fundadores xa están retirados (algúns por idade), valoran positivamente o relevo xeracional: “Pasaron dúas ou tres xeracións, entran fillos, sobriños e ata case netos; segue habendo xente da nosa época como Tito ou Lolo, e mantense en 30-40 persoas con moitas ganas”. Insisten en que o espírito segue sendo o mesmo: diversión, empatía e respecto, independentemente de ideoloxías políticas.

Remataron cun chamamento a recuperar fotos, vídeos e coplas antigas, e coa esperanza de que cando cheguen os 40 anos (este 2027) ou os 50, haxa unha gran homenaxe aos pioneiros. Tío Emilio non é só unha comparsa: é memoria viva do Entroido redondelán, que segue enchendo as rúas de alegría e tradición.

Xirelo e Quique.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará