As celebracións co gallo da Festa da Coca arrancan o vindeiro sábado día 30 coa I edición do Urban Fest, unha xornada de deporte urbano e música que contará coa actuación de Ortiga, 9Louro e Kike Varela no Campo da Feira. Será o pistoletazo de saída para unha programación que inclúe os concertos de El Drogas o 5 de xuño, Marc Seguí o día 6 e as orquestras Panorama e París de Noia. A pregoeira deste ano será a redondelá Carla Abad, vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán e adestradora das categorías base da SAR.
vila de Redondela prepárase para vivir unha das edicións máis ambiciosas da Festa da Coca 2026, que este ano ampliará a súa duración e converterá o municipio nun gran escenario cultural, musical e tradicional desde o 30 de maio ata o 7 de xuño. O Concello aposta por unha programación renovada que mestura as raíces históricas da celebración coa música actual, as tendencias urbanas e actividades pensadas para todos os públicos.
Un programa que arrancará este sábado coa celebración do IV Choquiño Urban Jam. A partir das 11:00 horas SkatePark da Marisma acollerá diferentes modalidades deportivas como un obradoiro de Breaking, para rapazada desde os 8 anos, con introdución á danza urbana e acrobacias. A partir dos 10 anos poderán participar nos obradoiro de Parkour (con técnicas de salto), Skate (con práctica de xiros e trucos), e un taller de Stencil (a arte urbana de customización de camisetas con sprays e plantillas). Para rematar, na zona deportiva da Marisma o público desfrutará dunha exhibición profesional de BMX FlatLand. Nesta disciplina, os pilotos executarán complexas manobras de equilibrio e xiros antes de que a música comece a soar no Campo da Feira.
Unha programación que se completará co I Choquiño Urban Fest, un festival musical de balde dirixido á mocidade que contará coas actuación de Ortiga, 9Louro, Kike Varela e recoñecidos picadiscos como Rodri Vegas, Dj Valdi, Ramsés López e French Rivera. A partir das 19.30 no Campo da Feira.
O domingo 31 de maio estará dedicado ao público familiar co espectáculo musical de El Payaso Tallarín no Campo da Feira.
As festas entrarán de cheo na súa dimensión máis tradicional o mércores 3 de xuño co pregón a cargo de Carla Abad, figura destacada do deporte local e actualmente vinculada á Federación Galega de Balonmán. A xornada incluirá tamén o relevo das Penlas, a homenaxe ás alfombristas, a Danza das Espadas e o acendido da iluminación festiva antes do concerto da Panorama.
O xoves 4 de xuño celebrarase o día grande da Festa da Coca, declarada de interese turístico de Galicia. As rúas de Redondela volverán encherse coa procesión da Coca, os Diañiños, os Mordomos, os Xigantes e Cabezudos e as históricas danzas das Espadas e das Penlas, mentres milleiros de flores darán forma ás tradicionais alfombras florais que cada ano confecciona a veciñanza. Pola noite, a música continuará coa actuación da orquestra Gran Parada.
O cartel musical manterá o seu peso durante toda a semana. O venres 5 de xuño celebrarase unha nova edición do Redondela Rock, encabezado por El Drogas e acompañado por bandas como Los Ásperos, Chocolate Sexy, Nocheni, Vértize e Dassault. Xa na madrugada do sábado 6 ao domingo 7 terá lugar unha das actuacións máis esperadas coa chegada de Marc Seguí ao Campo da Feira, nunha noite que incluirá tamén a orquestra Los Players e unha sesión DJ de Rodri Vegas.
O peche da programación será o domingo 7 de xuño coa celebración dos actos en Vilavella, novas danzas tradicionais, actividades familiares e a actuación final da histórica orquestra París de Noia.
A alcaldesa Digna Rivas destacou durante a presentación do programa “o enorme traballo e implicación da veciñanza” para manter viva unha celebración que define a identidade do municipio. A rexedora subliñou ademais a aposta por “combinar tradición e modernidade” cun programa no que conviven os ritos ancestrais da Coca e das Penlas coas novas tendencias musicais e urbanas.
Con esta fórmula, Redondela aspira a consolidar unha Festa da Coca máis aberta, participativa e diversa, capaz de atraer tanto ao público tradicional como ás novas xeracións nunha das grandes citas festivas do calendario galego.









