Foto de Alberto Lora
Rebeliom do Inframundo, a mítica banda de rap combativo, acaba de lanzar Orgulho, o seu quinto traballo discográfico nunha década de traxectoria. Un álbum que eles mesmos definen como un “manifesto de identidade, de clase e memoria” e que chega este sábado á edición XIX do Festival Millo Verde, na Praia de Cesantes.
Nervo, unha das voces referenciais do grupo explica que falan de “orgullo de clase, das nosas devanceiras, de todo o que lograron conseguir, o que sufriron e seguiron adiante. É orgullo tamén de nós como banda, como grupo, que ninguén nos regalou nada e parece un milagre que estesamos onde estamos”.
A banda mestura con naturalidade hardcore, metal, thrash, rap e sons dos 90 coas raíces galegas máis fondas. En Orgulho esa presenza da terra acentúase. Un bo exemplo é o tema Cantos da Taberna, que conta cun videoclip xa dispoñible en todas as plataformas e no que a gaita ten moito protagonismo.
A evolución do grupo non foi forzada, senón orgánica. “Vas medrando como persoa, vas medrando tamén artísticamente e tendo distintas inquietudes que queres levar a cabo”, di Nervo. “Levamos moito tempo xuntos pero porque somos amigos. Somos colegas, rapeamos e gostamos moito de estar xuntos e de crear”. Amizade e coherencia que lles permite manterse activos e relevantes durante anos.
O disco chega nun momento doce para a música en galego. Nervo valora positivamente o “boom” actual: “Por fin na música en galego hai máis estilos que o rock bravú ou a música tradicional. Hai pop en galego, música electrónica, músicas do mundo… E menos mal, porque coa pouca axuda que hai das institucións para promover unha normalidade lingüística, é unha maravilla que polo menos esteamos tendo este boom de música en galego. Se non, quedamos sen lingua directamente”.
Para o vocalista, a música está a ser a resistencia do idioma, non só por facelo en galego, senón por facelo con mensaxe e ideas moi claras.
A xira de Orgulho xa os levou por salas de Barcelona, Bilbao, Madrid ou Compostela e agora aterran no Millo Verde. “É un festival de máximo nivel, que nos encanta e está nun lugar máxico”. No concerto do sábado mesturarán temas novos con clásicos da súa discografía.









