Os veciños e veciñas da zona do Cubillón, en Chapela, denuncian as molestias que están a provocar as obras que Adif está a executar na liña ferroviaria ao seu paso pola parroquia. Segundo explican os residentes, os traballos desenvólvense en horario nocturno, entre as 00:30 e as 05:00 horas, xerando ruídos e vibracións que impiden o descanso da veciñanza.
Os afectados aseguran que levan semanas soportando o son constante de escavadoras, perforadoras e camións, así como pitidos e movementos de terra durante a madrugada. A situación, afirman, está a repercutir no seu descanso e na súa saúde, motivo polo que xa trasladaron as súas queixas tanto ao Concello como á Policía Local.
A indignación entre os residentes medrou nos últimos días ao considerar incomprensible que estes traballos se executen agora en horario nocturno, especialmente despois de que a liña ferroviaria permanecese pechada durante varias semanas por actuacións de mellora.
Dende a Asociación de Veciños da parroquia recoñecen a importancia das obras e a necesidade de modernizar e manter a infraestrutura ferroviaria. Con todo, reclaman que os traballos sexan compatibles co dereito ao descanso e coa calidade de vida das persoas que viven nas inmediacións das vías.
Segundo lles trasladaron aos residentes da zona, Adif ten previsto rematar no prazo dun mes as obras do novo apeadoiro, que se situará xunto ás pistas deportivas, detrás da Alameda. A necesidade de avanzar o máis rapidamente posible nas obras para cumprir esta previsión sería unha das razóns pola que os traballos se están a realizar tamén durante a madrugada.










