O departamento de Novas Tecnoloxías ofrece este 2026 diferentes cursos para facilitar á cidadanía a formación necesaria para realizar xestións e trámites electrónicos facilitando o acceso aos servizos públicos dixitais. Ao longo do pasado ano participaron nesta formación un total de 80 veciños e veciñas, cunha media de idade duns 50 anos. Uns cursos que buscan eliminar a fenda dixital e favorecera autonomía da veciñanza no mundo tecnolóxico.
A Concellería de Novas Tecnoloxías desenvolverá durante este 2026 diferentes cursos nas Aulas CeMIT de Redondela e Chapela. Trátase de cursos totalmente gratuítos que abarcan diferentes ámbitos da informática, tanto de iniciación como de perfeccionamento e que permitirán ao alumnado aprender a realizar trámites en liña, xestións administrativas, DNI e firma dixitais, así como achegarse ao uso da Intelixencia Artificial, a edición fotográfica ou a creación de vídeos.
Os participantes aprenden tamén o manexo de tabletas a nivel básico para crear contido, compartir información, vincular co móbil e co ordenador. Tamén se ofrece formación máis específica para o manexo de bases de datos, traballo con táboas e LibreOffice.
Os cursos comezarán no mes de maio e a matrícula ábrese o próximo luns, 9 de febreiro. As instancias poderán recollerse na páxina web www.redondela.gal, no Centro de Formación A Marisma, no multiúsos da Xunqueira e nas Dependencias dos Servizos Sociais de Chapela. Máis información en formacion.informatica@redondela.gal e novastecnoloxias@redondela.gal.
Na xornada de onte a alcaldesa, Digna Rivas e o edil de novas tecnoloxías Antonio Cabaleiro entregaron os diplomas aos participantes dos cursos do trimestre pasado impartidos pola docente Silvia Benavente. Participaron un total de 80 veciños e veciñas, cunha media de idade duns 50 anos malia que tamén houbo alumnos que superaban os 80 anos de idade.
Esta formación tivo como obxectivo capacitar á veciñanza no manexo de ferramentas tecnolóxicas esenciais no día a día. Durante o acto, a alcaldesa puxo en valor a utilidade práctica desta formación, na que os asistentes aprenderon, entre outras competencias, a realizar trámites electrónicos coa administración, xestionar a sede electrónica e utilizar o DNI electrónico para procedementos seguros. “O noso obxectivo é que ninguén quede atrás na transformación dixital. Estes cursos son unha ferramenta clave para a autonomía e a igualdade de oportunidades da nosa veciñanza”.









