A construción do novo Museo Municipal, que albergará a obra pictórica doada polo artista redondelán, arrancará este ano e contará cun investimento de 1.167.000 euros. O museo ocupará o espazo das antigas Casas dos mestres na avenida Mendiño e contará con 740 metros cadrados repartidos en tres andares, terá salas de exposicións e aulas polivalentes.
O novo museo, que tivo que enfrontarse a diferentes atrancos que obrigaron a pospoñer a súa construción, será agora unha realidade unha vez que se conta con financiamento de Fondos Europeos a través do PAI (Plan de Acción Integral). Así llo comunicaron a alcaldesa Digna Rivas e o Concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro á asociación Angel Barros, creada para a divulgación das obras do artista redondelán.
O novo edificio contará con 750 metros cadrados repartidos en tres andares e varias salas de exposición. A instalación contará tamén con aulas polivalentes nas que poderán realizarse obradoiros, proxeccións ou charlas pensadas tamén para uso dos centros de ensino.
A obra Barros, un total de 150 cadros que foron doados polo artista ao Concello, ocuparán un lugar destacado no museo, na planta principal do edificio. A cuberta exterior será “moderna e funcional”. Optimizarase a súa eficiencia enerxética con melloras en illamento, impermeabilización, sistema de climatización e novas instalacións eléctricas e de iluminación. A licitación das obras está pendente dos trámites administrativos e está previsto que arranquen este ano.
Noemí Moreira, secretaria da asociación, valorou moi positivamente esta nova e agradeceu que o Concello “faga realidade este museo para Redondela e para a obra de Barros”. Pola súa banda Rivas salientou que o novo museo ocupará un lugar destacado na avenida Mendiño, unha estrada que se vai humanizar e transformar totalmente con nova pavimentación, mobiliario urbano e zonas verdes.










