Hoxe é Xoves 22 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Susana Daviña: “A lei antitabaco logrou avances importantes en 20 anos, pero o reto actual son os vapeadores”

WhatsApp Image 2026-01-21 at 07.52.53

A Lei antitabaco en España cumpre 20 anos, un fito que marcou un cambio profundo na sociedade, na saúde pública e no ocio diario. A Lei 28/2005, aprobada en decembro de 2005 e en vigor desde 2006, prohibiu fumar en espazos pechados como bares, restaurantes, centros de saúde, hospitais e lugares de traballo, transformando un hábito moi normalizado ata entón. Hoxe, moitas xeracións novas non conciben entrar nun local pechado e atopar fume de tabaco, o que antes era habitual en discotecas, bares e incluso consultas médicas.

A doutora Susana Daviña, médica de familia en Chapela, especializada en prevención do tabaquismo e enfermidades respiratorias, analiza neste aniversario o impacto real desta norma. Segundo explica, hai 20 anos a sociedade reaccionou con escepticismo, similar ao que ocorreu coas medidas durante a pandemia de COVID-19. Moitos pensaban que prohibir fumar nos bares levaría ao peche da hostalería ou a unha perda masiva de clientes. Con todo, o balance é positivo: “Foi unha maravilla. Os fumadores tamén o agradecen, e os non fumadores non temos que soportar olores na roupa, no pelo nin as consecuencias do fume pasivo”.

A lei priorizou a protección dos non fumadores, os chamados fumadores pasivos, que sufrían as consecuencias da adicción allea. “Non se trata tanto de prohibir aos fumadores, senón de restrinxir os lugares onde se pode fumar para que todos poidamos convivir”, subliña a doutora Daviña. A hostalería non sufriu tanto como se temía, e hoxe en día é impensable para as xeracións novas atopar fume en interiores. En comparación con algúns países europeos onde aínda se permite fumar en certos locais, España destaca polo avance na protección da saúde.

Aínda así, o consumo de tabaco non desapareceu por completo. Hai un descenso notable, especialmente entre quen comeza a fumar, porque “non se fai o que non se ve”. Os hábitos cambiaron: antes o cigarro acompañaba o ocio social; hoxe moitos fumadores son máis de consumo diario en casa que social. Con todo, o descenso foi menor do esperado en certos grupos, e aquí entra un novo desafío: os vapeadores ou cigarrillos electrónicos.

Susana Daviña, que imparte charlas de sensibilización especialmente dirixidas a adolescentes e profesionais, alerta de que os vapeadores non son unha alternativa inofensiva. “Non é vapor de auga, é glicerina con combustión, aceites, aldehídos, metais pesados como níquel, formaldehído e nicotina altamente adictiva, máis que a cocaína en certos aspectos”. A nicotina afecta especialmente aos cerebros en formación dos adolescentes, e xa aparecen patoloxías novas como tipos de neumonía relacionados directamente co vapeo en menos de 20 anos de uso masivo. “Co tabaco tardáronse máis de 100 anos en establecer a relación co cancro de pulmón; cos vapeadores estamos vendo consecuencias en moi pouco tempo”.

Moitas a xente nova substitúe o cigarro polo vapeador pensando que é “menos malo”, pero a doutora é clara: é menos nocivo que o tabaco convencional, pero segue sendo moi prexudicial. Non se recomenda como método para deixar de fumar, xa que moitos terminan en consumo dual (tabaco e vapeo) ou non deixan ningún. Ademais, os sabores (frutas, gominolas, doces) fan que pareza un produto inocuo, como un chicle ou unha lambonada, o que facilita a entrada entre menores. Enquisas recentes indican que case o 39 % dos rapaces de 14 a 18 anos probaron o vapeador, e un 25 % dos de 14 anos consumírono no último mes. “É máis barato, véndese como moderno e as familias non o ven como perigo”, explica.

En setembro de 2025 aprobouse o anteproxecto de lei que modifica a norma de 2005, equiparando os vapeadores ao tabaco tradicional: prohibición en máis espazos (terrazas, piscinas, institutos, centros de saúde), límites á publicidade, prohibición de sabores atractivos para menores e medidas contra os desbotables. A doutora Daviña valora positivamente estas propostas, pero pide que non queden curtas: subir impostos para que sexa máis caro (semellante ao tabaco), prohibir sabores e aumentar a concienciación. “Hai que colocar o vapeador no seu lugar: non é inofensivo, é unha porta de entrada á adicción“.

Como conclusión, a doutora insiste en que a prevención é clave, especialmente en atención primaria, onde se atende a xente sana e se pode educar. As charlas, as campañas e o esforzo conxunto de médicos, educadores e administración son fundamentais para chegar a un obxectivo de xeración sen fume cara a 2030. “Non hai que cansarse de repetir que fumar e vapear son prexudiciais. As mensaxes calan co tempo, e axudan a que a xente decida deixar estes hábitos”. Unha lección de saúde pública que, 20 anos despois, segue vixente e necesita actualizarse fronte aos novos retos.

Daviña cre que sería moi interesante que o Concello de Redondela comezase a impulsar campañas específicas en espazos públicos e eventos locais para reforzar a prevención do tabaco e dos vapeadores. “Estou moi orgullosa da cultura e da sociedade do noso municipio, que sempre foi pioneira en moitas cousas, como a normalización lingüística. Podemos selo tamén con isto, sendo un exemplo en saúde pública”. Entre as súas propostas concretas, suxire engadir nos carteis de prohibición de fumar o símbolo ou icona dos vapeadores, tal e como xa fan noutros concellos, para que a mensaxe sexa máis clara e abarque ambas formas de consumo nocivo. Deste xeito, Redondela podería consolidarse como un referente local na loita contra as adiccións relacionadas co fume.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará