O Club de Atletismo de Redondela (CAR) celebrou con gran éxito a súa III Gala de presentación para a tempada 2026 no Auditorio do Multiusos da Xunqueira. O acto, moi emotivo e multitudinario, reuniu a deportistas, directiva, familias, representación institucional, patrocinadores e invitados especiais nunha velada chea de recoñecementos, emocións e proxectos de futuro.
Durante a gala recoñecéronse os méritos deportivos acadados nas tempadas 2024 e 2025, dous anos cualificados polo club como “fantásticos” e cheos de alegrías, con participacións destacadas en campionatos galegos e de España, e un fito histórico: a primeira clasificación do club ao Campionato Galego de Clubs Sub-12, onde os rapaces realizaron unha actuación destacada.

Un dos momentos máis emotivos da noite foi a proxección dun vídeo no que se vía a evolución dos atletas desde que eran pequenos ata a actualidade, algúns deles con máis de dez anos no club. A presidenta do CAR, Ana Romasanta, destacou precisamente este instante: “Realmente, todos os momentos da gala foron emotivos, pero se realmente teño que destacar algún, un momento que me emocionou moito foi cando proxecetamos un video no que aparecían todos os nosos atletas desde que eran pequeñiños. Toca a fibra”.
Tamén emocionaron especialmente os recoñecementos aos nenos Sub-12 pola clasificación histórica ao campionato galego de clubs, aos medallistas galegos e, de forma particular, ao atleta Gael Couñago, que logrou a medalla de bronce no Campionato de España Sub-18 de pista cuberta en Valencia no 2025.
A madriña da gala foi a destacada saltadora de altura galega Saleta Fernández todo un referente no atletismo autonómico. A elección non foi casual: ademais da súa traxectoria, a idea naceu pola proximidade e para que os atletas do CAR, especialmente os saltadores de altura como Gael, puidesen ver ata onde se pode chegar partindo dun club pequeno como o seu. ” Saleta iniciouse nun club pequeno como o noso, e queríamos que os nosos atletas viran ata onde se pode chegar”, explica Romasanta.


A presidenta do club fixo un balance moi positivo das dúas últimas tempadas e fixo públicos os obxectivos para 2026: “foron dúas temporadas de moitas alegrías . Os obxectivos deportivos son chegar polo menos a onde chegamos o ano pasado e, se pode ser, melloralo. E os colectivos, seguir instaurando valores na rapazada, que iso é o máis importante.”
Ademais, destacou o papel fundamental dos patrocinadores (Rodavigo, Talleres Ponteseca, Hobby Bike e Podoloxía Tania Carballo) e do apoio institucional, coa presenza da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o concelleiro de Deportes Antonio Cabaleiro, o presidente da Federación Galega de Atletismo Iván Sanmartín, entre outras autoridades.

O club rematou 2025 con forza (éxito do III Control de Marcas CAR en Expourense con case 40 clubs participantes) e comeza 2026 co mesmo impulso, con clasificacións como a de Gael Couñago para o Campionato de España Sub-20 de Short Track en marzo e a participación de Sabela Muiños (Sub-12) no Campionato Galego de Cross este mesmo fin de semana en Ribadeo.
Ana Romasanta rematou cunha mensaxe de agarimo: “Estou moi agradecedia Somos unha familia, a familia CAR. E aí estamos, con apoio, con agradecemento e a tirar para adiante.” Unha gala inesquecible para os deportistas que reflicte o espírito, o traballo e a ilusión dun club que segue crecendo.











