A Asociación Lenda Saúde Mental, entidade de referencia en saúde mental na área, presenta o calendario definitivo da Escola de Familias 2026, un programa mensual dirixido a familiares e persoas coidadoras de persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun espazo de formación, apoio mutuo e autocoidado que, con case 25 anos de experiencia, recupera este ano un enfoque claramente psicoeducativo para dotar ás familias de ferramentas prácticas e realistas.
O ciclo arranca este xoves 15 de xaneiro de 2026 e estenderase ao longo de todo o ano con unha sesión mensual, sempre en horario de 17:00 a 18:30 horas, na sede da asociación: Reveriano Soutullo, 57, Redondela.
As sesións están pensadas para un grupo fixo de entre 10 e 15 persoas. Como explican Maica Álvarez e Feli Mayán, o obxectivo é ofrecer un espazo estructurado de información, apoio emocional e adquisición de estratexias: “Ningunha persoa nace sabendo como acompañar a alguén con enfermidade mental. As familias precisan ferramentas para a comunicación, o autocoidado e para navegar polo sistema sanitario e xurídico, ademais de sentir que non están soas”.
Maica Álvarez destacou algunhas das preocupacións máis recorrentes entre as familias: “Como comunicarse sen infantilizar, ata onde chegar na intimidade das consultas médicas, porque unha medicación que funcionaba deixa de facelo de repente, os medos ás crises e, sobre todo, que vai pasar cando o coidador principal envelleza: vivenda, herdanzas e distribución recursos son algunhas das preocupacións máis salientables”.
Mayán engadiu a importancia do acompañamento emocional: “A aprendizaxe vicaria é clave: saber o que fixeron outras familias en situacións similares axuda moitísimo. Creamos comunidade”.
Este ano a Escola abre a participación non só a familiares de usuarios de Lenda, senón tamén a calquera persoa interesada da contorna. Algunhas sesións contarán coa colaboración de profesionais externos, como expertas de FEAFES Galicia ou outras compañeiras da entidade.
A Escola de Familias 2026 conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade. Un espazo esencial para quen acompaña no día a día da saúde mental: aprender, compartir experiencias, coidarse mutuamente e avanzar con máis seguridade e menos culpa.
Como sinalan desde Lenda, acompañar tamén require apoio. Infórmate e participa no teléfono 986 404 200 e no WhatsApp 653 794 995. A inscrición segue aberta para quen queira incorporarse ao grupo.











