Con proxectos centrados en causas de ámbito social e cultural, a Fundación leva máis de 25 anos traballando principalmente en Redondela. Entre os colectivos beneficiarios destas accións solidarias atopamos a Asociación Andaina de Redondela, as Anpas que xestionan comedores escolares, Cáritas, as Bibliotecas Municipais ou achegas a novos proxectos como o recén creado Coro Casto Sampedro.
A Fundación Filomena RIvero Alonso naceu no ano 1999 e dende esa data traballa no apoio a causas sociais e culturais, principalmente vinculadas con Redondela. Os fondos dos que dispón proceden de actividades económicas propias malia que tamén teñen recorrido a convenios con entidades públicas e privadas para aumentar os seus recursos.
Uns fondos económicos que destinan, segundo explica o secretario do seu Patroado, Telmo Tojeiro, a financiar proxectos sociais e culturais.
Na primeira categoría atopamos, entre outras, as axudas que buscan cubrir necesidades puntuais das Anpas que xestionan comedores escolares cando hai usuarios que quedan fora das axudas que condecen as adminstracións. Tamén a concesión de financiamento a asociacións como Andaina ou Cáritas.
En canto as accións de carácter cultural atopamos a colaboración continuada que manteñen coa biblioteca de Redondela. Unha colaboración que naceu coa organización de contacontos ou talleres pero que nos dous últimos anos sumou a adquisición de libros que busca incrementar os fondos bibliográficos deste centro de lectura.
Tamén a creación de novos proxectos culturais como o Coro Casto Sampedro que este Nadal fixo a súa presentación en público e que está integrada por veciños e veciñas de Redondela amantes do canto polifónico.
De cara ao presente ano 2026 manterán as actividades actuais nunha tendencia “continuista” que busca promover obras de carácter social e cultural. Destacan por exemplo o traballo que están realizando en colaboración co colexio de Ventosela para dotalo dunha biblioteca con literatura en galego.









