O Entre Castelos Rías Baixas, o trail running que unirá os castelos de Sobroso e Soutomaior e que organiza a Deputación de Pontevedra celebrará a súa primeira edición no mes de abril. Nace coa mirada posta en consolidar esta proba e convertela nunha referencia que combine deporte, patrimonio e posta en valor da contorna natural de Rías Baixas.
O trail Entre Castelos Rías Baixas ten por obxectivo divulgar os castelos de Sobroso e Soutomaior, dous recintos fortificados nos que, nestes momentos, se están a realizar unhas obras de mellora que está previsto que finalicen en abril. Por estes motivos, xusto ese mesmo mes, desenvolverase durante unha fin de semana este acontecemento deportivo que, ademais do trail para adultos, prevé organizar tamén unha andaina popular, unha carreira infantil e diferentes actividades e sesións deportivas.
O presidente da Deputación, Luis López explicou que, nestes momentos, xa se realizou unha avaliación do terreo, das contornas e dos puntos de interese do percorrido, así como deseñou o itinerario preliminar da ruta e se está a traballar no definitivo para tramitar o permisos necesarios, garantir a seguridade das persoas participantes, o respecto pola contorna natural e a coordinación cos distintos axentes implicados.









