Hoxe é Sábado 24 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Comezan as rebaixas en Redondela: o comercio local defende a honestidade e a proximidade fronte as grandes cadeas

WhatsApp Image 2026-01-08 at 17.09.47 (1)

As rebaixas de inverno xa están en marcha e, en Redondela, o pequeno comercio loita por manterse competitivo nun contexto marcado polos grandes descontos das multinacionais. Este ano, tras unha campaña de Nadal que pechou con vendas inferiores ás esperadas no sector da moda –cunha caída do 1,1% no conxunto de 2025 segundo a patronal Acotex–, as grandes cadeas activaron descontos iniciais de ata o 50% desde o primeiro día, co fin de liquidar stock acumulado.

Patricia, propietaria de El Rincón de Patri –unha tenda multimarca de moda infantil e xuvenil situada na Rúa Reveriano Soutullo– e membro da Xunta Directiva da Asociación de Empresas de Redondela, analiza a situación actual do sector.  “Este ano as grandes marcas comezaron con rebaixas do 50% de forma inmediata porque non alcanzaron os obxectivos de vendas previstos”, explicou Patricia. “Iso pon en desvantaxe ao comercio local, que non pode competir con eses descontos tan agresivos debido a que compramos en volumes moito menores. É unha batalla na que o pequeno comercio sempre perde”.

A pesar diso, a empresaria destacou as fortalezas do comercio de proximidade: “Os nosos descontos son reais, non inflamos prezos antes da tempada. Ofrecemos honestidade, atención personalizada, cercanía e un trato igual tanto en tempada como en rebaixas”. Ademais, subliñou a colaboración entre as tendas do pobo: “Somos un equipo; se non teño unha prenda ou unha talla, recomendo a tenda do lado para que o cliente atopar o que busca”.

Criticou tamén a liberalización das rebaixas desde 2012, que provocou unha banalización do concepto con promocións constantes todo o ano –como Black Friday ou mid-season sales–, diluíndo o atractivo das tradicionais de xaneiro e xerando confusión e desconfianza nos consumidores. “A xente espera ofertas en calquera momento, o que complica a planificación de stocks e presiona os nosos marxes de beneficio”.

El Rincón de Patri é unha tenda multimarca que aposta forte polas marcas galegas e nacionais. Entre elas destacan Paz Rodríguez (Vigo), Chis Chocolate (con talleres galegos), La Martinica, Batela (do norte peninsular) ou Hartter & Mayer, xunto con algunhas internacionais como Levi’s. “a xente valora especialmente as marcas galegas, porque queren levar algo noso”, comentou.

As rebaixas na tenda física comezaron o 2 de xaneiro e prolongaranse ata o 1 de marzo, mentres que na tenda online arrincaron o 1 de xaneiro. Patricia recoñeceu que, a partir de febreiro, a clientela xa pensa na colección primavera-verán, polo que o pico de vendas en rebaixas concéntrase en xaneiro. As prendas máis demandadas nestes días son pezas de boa calidade e atemporais: chuvasqueiros, sudaderas, camisas brancas ou conxuntos que as familias adiantan para a próxima tempada.

Sobre o consumismo, Patricia lanzou un consello claro: “Recomendo parar a mirar o armario dos pequenos e apostar por prendas atemporais que realmente se vaian usar. Hai que ensinarlles aos nenos a valorar a roupa e a coidala, en vez de caer no consumismo esaxerado da moda rápida”.

Como mensaxe final, Patricia apelou á cidadanía: “No comercio local podedes gozar dunha compra tranquila, con asesoramento e confianza. Comprar no barrio fai que a economía do pobo se mova. Un pobo con comercio é un pobo con luz”.

Desde El Rincón de Patri invitan a todas as familias a achegarse para descubrir as súas propostas en rebaixas e apoiar así o tecido comercial local.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará