O Concello de Soutomaior despedirase este sábado, 10 de xaneiro, da súa intensa programación de Nadal cunha das citas máis emblemáticas destas festas: o Concerto de Reis protagonizado pola Banda Artística de Arcade. Esta actuación, que terá lugar ás 20:00 horas no Multiúsos de Arcade, supón o broche final a un Nadal marcado por unha ampla participación veciñal e un gran éxito de convocatoria en todas as súas actividades.
A entrada ao concerto será gratuíta ata completar o aforo, convidando a toda a veciñanza a gozar dunha velada musical de alta calidade da man desta histórica formación.
Desde o Goberno local quixeron destacar o balance positivo destas festas, agradecendo expresamente a implicación da cidadanía en cada un dos eventos programados. Un Nadal que rexistrou cifras notables de asistencia, como as preto de 500 persoas na carreira San Silvestre, as máis de 100 maiores que participaron no Baile de Maiores, o cheo absoluto na Festa de Fin de Ano na carpa de Nadal ou a maxia vivida o 5 de xaneiro coa recepción e cabalgata dos Reis Magos.
A estas citas súmanse outras propostas como o Mercado de Nadal, a festa de inchables, sesións vermú e tardeos musicais, que reforzaron un ano máis a elección de Soutomaior como lugar para vivir e celebrar estas datas tan especiais.
Con este concerto, o municipio pon punto e final a unhas festas que combinaron tradición, diversión familiar e comunidade.









