Hoxe é Sábado 24 de Xaneiro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

III Torneo Beretiño consolídase con 47 equipos e participación portuguesa

WhatsApp-Image-2026-01-07-at-18.15.10

O Pavillón Municipal Manuel González Soto de Chapela acolleu do 2 ao 5 de xaneiro a terceira edición do Torneo Beretiño de fútbol sala base, organizado polo Campito Chapela FS. O evento reuniu a 47 equipos de 28 clubs diferentes procedentes das catro provincias galegas e, por primeira vez, contou cunha participación internacional coa presenza do Vitória Guimarães de Portugal.

O torneo abarcou todas as categorías da base: biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete. Os partidos distribuíronse ao longo de catro xornadas intensas: o venres 2 dedicouse ás categorías prebenxamín e alevín; o sábado 3, á benxamín; o domingo 4, á biberón; e o luns 5, ás máis maiores, infantil e cadete.

José Cardoso, presidente do Campito Chapela FS, valorou moi positivamente o desenvolvemento do torneo. “Desenvolveuse todo con normalidade, sen ningún incidente, nin lesións nin problemas nas gradas. Foi unha festa do deporte base”, destacou Cardoso, quen subliñou a alta participación e o bo ambiente: “Entregamos máis de 400 medallas, o que dá idea da cantidade de xente implicada. Contando xogadores, adestradores, delegados e familias, falamos duns 500 asistentes, unha cifra importante”.

O presidente tamén resaltou a colaboración institucional: “A Federación Galega de Fútbol facilitou todo, desde a arbitraxe oficial ata a presenza na presentación e na entrega de medallas. O Concello de Redondela, co concelleiro de Deportes Antonio Cabaleiro á fronte, tamén nos deu todo o apoio”. Cardoso agradeceu especialmente o traballo da directiva –composta por catro persoas, tres delas mulleres: Ana, Atenea e María José– e dos voluntarios, que durante meses prepararon o evento cunha directiva modesta en recursos pero grande en compromiso.

Entre as novidades desta edición, o torneo emitiuse en directo polo canale de YouTube do club grazas ás cámaras do pavillón, permitindo que as familias que non puideron desprazarse seguiran os partidos desde casa. Ademais, organizouse un sorteo de rifas cun gran éxito: vendéronse 940 das 1.000 dispoñibles, cunha camiseta do Celta firmada por Iago Aspas como primeiro premio, unha do Campito e un balón do Noia que milita en Primeira División como segundo e terceiro.

Cardoso recibiu mensaxes de agradecemento de numerosos clubs, especialmente dos máis afastados (Ourense, Lugo, Santiago) e do Vitória Guimarães, un club profesional con máis de 35.000 abonados. “Todo foron parabéns pola organización e polo bo trato. Iso é o máis importante”, afirmou.

En canto aos resultados deportivos, o club explica que prioriza a convivencia sobre a competitividade. Destacaron os seguintes gañadores:

Biberón:

  • 1º Poio Pescamar
  • 2º CIOS Vigo
  • 3º ADJ Lerez (Pontevedra)

Prebenxamín:

  • 1º SD Pazos de Borben FS
  • 2º Grupo Casa Paco 81

Benxamín:

  • 1º CIOS Parla
  • 2º SD Pazos de Borben
  • 3º A Piringalla (Lugo)

Alevín:

  • 1º Kompite Amor de Dios
  • 2º Campito Chapela FS

Infantil:

  • 1º Bull Sport CIOS Vigo
  • 2º La Paz FS

Cadete:

  • 1º La Celestina FS
  • 2º Campito Chapela FS

O impacto económico local tamén foi notable, con movemento na hostalería de Chapela e Redondela e unha cantina do pavillón moi concorrida.

De cara ao futuro, Cardoso avanzou que o obxectivo é seguir crecendo: “Se os clubs seguen confiando en nós, gustaríanos usar dous pavillóns para aumentar o número de equipos, aínda que iso require máis voluntarios”. Ademais, o club xa comeza a preparar a segunda edición do seu torneo 4×4 ao aire libre.

Con esta terceira edición, o Torneo Beretiño consolídase como unha das citas referenciais do fútbol sala base galego, combinando deporte, convivencia e promoción do talento novo nun ambiente festivo de Nadal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará