O Club Baloncesto Redondela tivo unha notable participación no Torneo 3×3 Cidade de Vigo, organizado polo Seis do Nadal e disputado o sábado no pavillón de Navia. Un total de tres equipos do club redondelán competiron na categoría minibasket, nunha competición que reuniu a 19 equipos mixtos.
O equipo feminino, formado por Mara, Antía, Kira, Elena e Sabela, e inscrito baixo o nome de MAKES (iniciais dos seus nomes), proclamouse subcampión do torneo. No formato 3×3, as propias xogadoras son responsables de planificar a estratexia, as xogadas e a distribución de minutos, sen intervención de adestradores.
As MAKES gañaron todos os partidos da fase de grupos e clasificáronse para semifinais, onde superaron ao equipo masculino do Seis do Nadal, anfitrión do torneo. Na final, perderon por un marcador axustado fronte ás Retales Sugary, conxunto do Celta no que militan dúas xogadoras da selección galega de minibasket e que contaba con maior altura media.
Ademais das MAKES, o CB Redondela estivo representado por dous equipos masculinos: Illa de San Simón (Oscar, Manuel, Ares, Nuno e Pablo) e Pedras Agudas (Mario, Thiago, Massi e Juan).
Destacou a deportividade e o compañerismo das xogadoras do MAKES, que aseguraron unha participación equitativa de todas nos partidos. O subcampionato recoñece o traballo e a dedicación destas cinco deportistas ao longo da tempada.









