Os Reis Magos de Oriente manterán a súa cita anual en Redondela este luns, 5 de xaneiro. A partir das 18:00 horas, as Súas Maxestades sairán da Praza de Ponteareas para percorrer as rúas do centro da vila nunha comitiva composta por seis carrozas espectaculares.
A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que este ano “celebraremos unha cabalgata de Reis verdadeiramente espectacular, nunha xornada máxica e repleta de ilusión para nenos, nenas e todas as familias”. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Rita Pérez, avanza que as carrozas “estarán inspiradas en contos infantís clásicos, con moitas sorpresas, animación e personaxes entrañables”. Melchor, Gaspar e Baltasar estarán acompañados por figuras como a Coca Simona, Alicia no País das Marabillas, o Quebranoces e Cincenta, entre outros protagonistas dos contos máis queridos.
Por primeira vez, o desfile abrirá a Rondalla de Ventosela, que marcará o inicio dunha tarde chea de música e alegría. Haberá animación constante e sorpresas para crear “unha noite de Reis inesquecible”. Ademais, repartirase máis dunha tonelada de caramelos sen glute e sen alérxenos, “para que todas as nenas e nenos poidan gozar deles sen excepcións”.
Como é tradición, ao remate da cabalgata, os Reis Magos recibirán aos máis pequenos na Casa do Concello, nunha recepción que contará con intérprete de lingua de signos galega (LSG) para garantir a accesibilidade.
Unha cabalgata inclusiva e accesible para todas as persoas
O Concello de Redondela preparou unha cabalgata pensada para que todo o mundo poida gozala en igualdade de condicións. A saída das carrozas desde a Praza de Ponteareas realizarase sen megafonía nin música alta, e o primeiro tramo do percorrido (na rúa Pai Crespo) será libre de ruídos. Esta medida permite que as crianzas con trastorno do espectro autista (TEA) ou persoas con hipersensibilidade auditiva participen sen molestias.
Ademais, habilitarase unha zona accesible próxima ao Concello, reservada para persoas con mobilidade reducida. No mesmo espazo, ofreceranse tapóns anatómicos de silicona para quen os precise, que reducen o ruído ambiental de forma cómoda.
Digna Rivas explica que estas iniciativas responden ao compromiso do goberno local “de facer unha Cabalgata de Reis verdadeiramente inclusiva, para que todos os nenos e nenas, especialmente aqueles con diversidade funcional ou sensorial, poidan vivir esta experiencia máxica con total comodidade e alegría”.
En Chapela, celebrarase a súa propia cabalgata a partir das 18:00 horas, con saída do Alto da Encarnación ata as Catro Pontes, e regreso ao Círculo Recreativo Cultural para a recepción dos Reis Magos.
Rondallas e Ranchos de Reis para pechar as festas
O martes 6 de xaneiro, Día de Reis, Redondela espertará ao son das tradicións. Desde as 10:00 horas, o centro da vila acollerá o desfile e as actuacións das rondallas e ranchos de Reis. A Rondalla de Ventosela e varias agrupacións de ranchos encherán as rúas de música, baile e alegría, mantendo viva esta costume tan arraigada na nosa cultura.










