Hoxe venres, ás 18:00 horas, o Centro Cultural de Cabeiro acollerá a actuación de Tanxarina co seu espectáculo Titiricircus, como parte do III Ciclo Infantil de Nadal Interparroquial organizado polo Concello de Redondela. Esta función, de entrada libre ata completar aforo, forma parte dunha programación que leva maxia e entretemento familiar a todas as parroquias do municipio durante as festas nadaleñas.
Titiricircus é unha obra clásica de teatro de marionetas que narra a historia de dous vellos artistas que, a través das súas bonecas, rememoran as glorias dun circo desaparecido. O espectáculo inclúe números participativos como o home máis forte da Península Ibérica ou o malabarista máis divertido do mundo, nun xogo constante co público que garante risas e diversión. Con máis de 1.500 representacións ás súas costas, convértese na peza máis representada do teatro galego. Cando cumpriu 25 anos, a editorial Kalandraka publicou un libro co texto da obra e ilustracións de Pablo Giráldez “Pastor”. A duración é de aproximadamente 50 minutos e está dirixida a nenos e nenas a partir de 3 anos.
O III Ciclo Infantil de Nadal Interparroquial, que se estende ata o 4 de xaneiro de 2026, inclúe trece espectáculos gratuítos dirixidos ao público infantil e familiar, con compañías como Tanxarina, Os Bolechas, Pakolas ou Ce Orquestra Pantasma.











