Foto da Coral a Raiña
O Concello de Redondela, dentro da súa Programación de Nadal, organiza o tradicional Festival de Panxoliñas, que se celebrará no Multiusos da Xunqueira a partir das 18:00 horas esta fin de semana. A entrada é totalmente gratuíta, e espérase unha gran afluencia de público para gozar dunha tarde chea de música e tradición. O festival, que conta cunha longa traxectoria na vila, reúne este ano a oito formacións corais de recoñecido prestixio, repartidas en dúas xornadas.
Soledad Chayán, a presentadora do evento, destaca a estrutura equilibrada deste festival: “Vai haber catro corais cada día, porque isto vai ser o sábado 3 ou domingo 4, a partir das 18 horas da tarde. Entón, imos desfrutar da actuación de catro corais cada día. Cada unha vai interpretar tamén catro temas”. Estas formacións centraranse en “panxoliñas máis populares e tradicionais”, como explica Chayán, ofrecendo “un pouquiño de todo”: algunhas coñecidas como “a noite máis fermosa”, e outras máis locais como “a foliada de Trabazo”, que é un cantar popular”. Para ela, o mellor é que “imos ter cousas que imos poder cantar todos”.
A presentadora valora especialmente o papel cultural destes eventos: “mantañen viva esa memoria popular, patrimonio inmaterial, para que non desapareza”.
Soeldad Chayán asegura que todas as corais “teñen unha calidade excelente, cantan moi ben e teñen moi boa musicalidade”. Este esforzo reflicte “o empeño e a ilusión que teñen para ofrecernos ao longo de todo ano actuacións por todo o municipio”.
Deste xeito, o Festival de Panxoliñas non só entretén, senón que preserva e difunde o rico patrimonio musical galego, convidando a todos a participar nesta celebración comunitaria.
PROGRAMACIÓN COMPLETA
Na xornada do sábado 3 de xaneiro participan catro grupos que deleitarán ao público con pezas tradicionais:
- Coro Tradicional Tirapuxa Trasmañó, que interpreta: Foliada de Cerdedo, No Pendello, Foliada de Tenorio e Ribeirana de Vigo.
- Coral A Raiña (de Cedeira), que ofrece un repertorio máis clásico con: Adeste Fideles de Reading, Fuentecilla que corres de Cifre, O neno durmindo (adaptación de Mid Winter de Gustav Holst) e Benedicat Vobis de Haendel.
- Coro tradicional Agrupación O Estreito de Rande, que canta pezas populares como: Moendo, Volta da festa, Rumba de Pepe e Foliada de Trabazo.
- Coral Frol Nova (do Círculo Cultural de Chapela), que pechará a sesión con: Noite mais fermosa, Nunca suenan, Villancico de las campanas e Cuba canta.
O domingo 4 de xaneiro será a quenda das seguintes corais, que completarán este encontro musical:
- Grupo coral Airiños do Mar de Teis, que interpretará: No Ceo de Belén (Muxicas), O pelo roxiño (Popular), O Sancristan de Coimbra (Popular) e A Herba de San Simón (Treixadura).
- Grupo de Música e Coro tradicional Cidadelle, con: Vaite lavar, Verdegaio, Cantiga mareira e Pasodoble de Lourido.
- Coral Ondas do Mar de Vigo (de Cesantes), que presentará: Nunca suenan las campanas, Papa Baltasar, Thank you e Campás de Nadal.
- Coral O Piñeiral, que pechará o festival con: Lindo Michoacán, De una rosa ha brotado, O bon rei don Wenceslao e Adeus digamos todos.
O Festival de Panxoliñas consolídase como unha das citas máis queridas da programación de Nadal de Redondela, un espazo onde se mesturan a tradición galega máis pura coas panxiliñas clásicas, promovendo o canto coral e o espírito festivo destas datas.









