O Grupo Casa Paco 81 recolleu un total de 300 quilos de alimentos non perecedoiros na súa tradicional campaña de recollida para Cáritas, unha iniciativa que o club mantén hai anos como pioneiro na comarca e que hoxe comparten moitos outros equipos.
Esta fin de semana remataron tamén as xuntanzas de Nadal do club, que culminaron co tradicional partido amistoso de veteráns contra o CD Arcade en Ponte Sampaio. Os ex-xogadores que deron os primeiros pasos no club reuníronse unha vez máis nun encontro cheo de emoción, recordos e anécdotas, que rematou cunha comida con pinchos para prolongar a xuntanza e na que tamén se recolleron máis alimentos non perecedoiros para Cáritas.
A solidaria familia do Casa Paco, como todos os anos, entregou a recollida de alimentos a Cáritas Redondela, concretamente ao seu presidente, Manuel Araújo. O club demostra así o seu compromiso co deporte base e coa solidariedade na vila dos viadutos.










