Coas festas xa en marcha, os comerciantes de Redondela, apoiados pola Asociación de Empresarios de Redondela, animan á veciñanza e visitantes a apostar polo comercio local para as compras de Nadal de última hora. Cunha atención personalizada, produtos únicos, tickets de aparcamento gratuítos e unha campaña de premios con cen bonos de 30 euros, o pequeno comercio do municipio preséntase como a mellor opción para atopar agasallos con “alma” e contribuír a dinamizar o pobo.
Moda e complementos en auxe
Susana, da tenda Como Agua de Mayo, destaca a variedade de complementos e prendas de abrigo que triunfan esta tempada: bufandas, colares, bolsos, bisutería, chaquetas, xerseis e especialmente os conxuntos de punto. As cores estrela do ano son o granate e os tons marróns, sobre todo o chocolate, que se combinan de forma máis atrevida que antes. “Recomendo agasallar algo un pouco máis arriscado, algo diferente que a persoa non mercaría soa”, explica Su, que insiste en mercar con calma e pensando en quen recibe o agasallo.




Belén, de Coco y Colet, coincide no cambio de hábitos: cada vez máis familias optan polo Amigo Invisible con orzamento pactado, o que impulsa a venda de complementos accesibles. As bufandas de Lola Casademunt, packs de calcetíns e cintos reversibles, ou prendas de punto como chalecos e xerseis son os máis demandados. Tamén funcionan moi ben as tarxetas agasallo sen caducidade nin mínimo.






Marta, da tenda SML, resalta que os agasallos máis solicitados para homes son os clásicos como xerseis, cazadoras ou pantalóns para renovar o armario, mentres que para mulleres predominan gabardinas, americanas, prendas máis arriscadas para fin de ano, faldas con brillo ou bolsos pequenos, sempre moi recorridos. En canto ás tendencias, o granate, o marrón e os tons terrosos seguen en auxe, xunto aos vaqueros anchos para homes e mulleres, as saias longas e os pantalóns baggy, que están marcando estilo esta tempada.




Na moda masculina, Roi, da tenda Manhattan, destaca que as camisolas con deseños divertidos e orixinais están a triunfar entre os clientes con personalidade propia, converténdose nun agasallo ideal e diferenciado. Ademais, os abrigos de plumón seguen sendo unha aposta segura e práctica para combater o frío invernal, sempre ben recibidos como agasallo nestas datas.





Na moda infantil e xuvenil, Patri do Rincón de Patri sinala o “furor” polos conxuntos de gorro, pescozo e bufanda, os impermeables e abrigos de Batela, e a colonia de Paz Rodríguez, unha marca galega que gusta non só aos bebés, senón tamén ás nais e avoas.





Miriam, de Yirandola Teen, orientada a un público novo (de 10 a 22 anos aproximadamente) cun estilo urbano e prezos competitivos, destaca as sudaderas (entre 25 e 30 euros), complementos de Nadal, bolsos e, para looks festivos, shorts e tops de abelorios brillantes ou vestidos con brillos.


María de La Nube recomenda os estampados alegres e coloridos e destaca a prenda de punto para o frío sen esquecerse da típica bufanda que “sempre é un detalle agarimoso”.





Gastronomía e fogar con sabor local
Tamara, de Anaquel Gourmet, invita a descubrir as súas cestas de Nadal totalmente personalizadas por encargo. Entre os produtos máis solicitados están os turróns artesáns de Paco y Morena (o de chocolate con arandos é o favorito), pastas de nata das monxas de Trasmañó, maruxas, negritos tradicionais de Redondela e chocolates e latas do Pazo de Coruxo.




En Mi Casa, Lucía sinala os xogos de toallas como algo que “nunca falla”, mantas individuais ou dobles con borreguito e coxíns de Nadal son os detalles máis vendidos, xunto a cestas personalizadas de decoración ou produtos infantís.




Miriam, de Zíboris New, destaca a súa oferta en detalles de decoración orixinais e diferentes, cun éxito especial esta tempada nas bolas de Nadal para a árbore e outros adornos festivos. “O que máis triunfa son as pezas personalizadas, que poden levar o nome da persoa a quen vai dirixido o agasallo ou algún mensaxe especial”, un detalle único, con moito valor sentimental e que se garda de ano en ano.





Belén, de Koqueta, especialista en roupa para a casa e lencería, recomenda especialmente as batas, pixamas e pezas de lencería básica como agasallos prácticos e sempre acertados. Insiste en deixarse asesorar polo persoal da tenda, que coñece ben ás clientas habituais, e en prestar especial atención á talla para garantir o confort. “Non nos fixemos só no prezo, senón tamén na calidade”, aconsella Belén.
Outros comercios destacan artigos prácticos como batas, pixamas, calcetíns e lencería básica, ou caixas agasallo con roupa interior e calcetíns.
Vantaxes do comercio de proximidade
Todos os comerciantes coinciden nas bondades do comercio local: atención próxima e personalizada (“aquí coñecémoste e sabemos a túa talla”), posibilidade de reservar por teléfono, empaquetado con cariño, asesoramento sen présas e a satisfacción de “facer pobo”. Ademais, este ano moitas tendas ofrecen o ticket do parking gratuíto para facilitar as compras e animar a gozar do centro de Redondela sen necesidade de desprazarse a grandes superficies.
A Asociación de Empresas de Redondela impulsa unha campaña especial do 15 de decembro ao 5 de xaneiro: a clientela que realice compras nos comercios asociados poderá optar a cen bonos de 30 euros cada un, que se repartirán directamente (sen sorteo) entre as persoas que rexistren un maior número de compras ou que acumulen o maior importe total . Para participar, basta con rexistrar os tickets na web www.empresasredondela.gal.
Ademais, para contrarrestar as dificultades de acceso ao centro urbano e a escaseza de prazas de estacionamento, os establecementos participantes disporán de packs de bonos de aparcamento gratuítos que aforrarán ao cliente o custo do parking en función da compra realizada, unha medida operativa no mesmo período. A campaña complétase cun novo xogo das bolas máxicas, presente nas rúas, prazas de abastos e comercios, para engadir máis diversión e atractivos ás compras locais.
“Mercar aquí é unha forma de facer pobo entre todos, de dar vida á vila e atopar agasallos con alma”, resumen os comerciantes, que desexan a todos unhas moi felices festas e lembran: o importante non son só os agasallos, senón con quen os abrimos.









