Os feitos producíronse ás 9:35 horas da mañá de hoxe cando un particular que circulaba en bicicleta pola Senda da Auga atopou o home tendido nunha pista de terra, aparentemente inconsciente, e solicitou asistencia sanitaria. Os servizos de emerxencia desprazados ao lugar rescataron o corpo xa sen vida do octoxenario que caera por un valado duns dous metros de altura.
Segundo informan dende o 112 Galicia o home tiña uns 80 anos de idade e presentaba patoloxías previas polo que todo apunta a unha morte por causas naturais. Tralo aviso recibido polo particular que circulaba en bicicleta pola senda da auga deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, efectivos do GES de Mos, Bombeiros e Vigo e o Porriño e Policía Nacional, Local e efectivos de protección civil.
Unha vez no lugar, os equipos de emerxencia tiveron que rescatar o corpo dunha zona de difícil acceso. O suceso produciuse nunha pista da Senda da Auga na parroquia de Cedeira.









