A Deputación de Pontevedra leva este sábado 20 de decembro a Pazos de Borbén un concerto das Maimiñas enmarcado no programa +Música. Por outra banda, no Pavillón Municipal celebrarase o I Mercado de Nadal con apertura de portas ás 11:00 horas e venda de produtos ecolóxicos, cosmética natural, artesanía e decoración eco.
As Maimiñas presentan en Pazos de Borbén un espectáculo didáctico-musical 100% en galego para toda a familia, titulado “Eu de maior non quero ser princesa”. O obxectivo é ensinar ao público infantil que cada quen pode ser o que desexe, independentemente da súa orixe, raza, idade, sexo ou calquera outro tipo de circunstancia persoal. As Maimiñas, sempre a través de cancións e teatro, poñen ás persoas asistentes en diferentes situacións para que a través da diversión se acheguen á diversidade. Os nenos e as nenas están en todo momento en movemento, bailando ou seguindo as explicacións das Maimiñas, pero tamén os pais e as nais poden participar activamente para desfrutar dun divertido momento en familia.










