Hoxe é Martes 23 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

En Lingua de Signos cumpre cinco anos promovendo a accesibilidade

470943819_18038010632370875_8673022660535034863_n (1)

Raquel González de En Lingua de Signos

A empresa En Lingua de Signos celebrou en 2025 o seu quinto aniversario, tras nacer no contexto da pandemia como unha iniciativa para cubrir as necesidades da comunidade xorda e de quen quere aprender a Lingua de Signos Española (LSE). Esta entidade ofrece servizos integrais de interpretación, formación e accesibilidade en toda a comarca e máis aló, contribuíndo a unha sociedade máis inclusiva.

Raquel González, unha das fundadoras e intérprete recoñecida na zona, explica que o crecemento foi moi positivo: “Somos un grupo que nos levamos ben, que traballamos con ilusión, que a xente confía en nós e que non dependemos de ninguén. Intentamos facelo o mellor posible cada día. Ao final, é unha andaina marabillosa. O balance é superpositivo” .Sen embargo, a pesar dos avances, sinala que aínda falta moito camiño por percorrer na accesibilidade: “Estamos mellorando, evidentemente, pero falta moitísimo. As persoas oíntes podemos entrar en calquera evento cultural pola rúa, pero as persoas xordas non o poden facer con facilidade. Hai que promover máis a accesibilidade no ámbito cultural, porque sen ela non hai igualdade real”.

González tamén destaca as dificultades invisibles da xordeira: “Hai moitos tipos de xordeira e é unha discapacidade invisibilizada”. Podes convivir con persoas xordas todos os días, como no ascensor do teu edificio, e non sabelo. Moitas veces vese a accesibilidade como un gasto, non como unha investimento, e iso impide que a sociedade avance”.

Sobre a lexislación, é crítica: “Feita a lei, feita a trampa. Sempre hai formas de cumprila sen facelo ben. Por exemplo, os programas con interpretación en LSE só se emiten na madrugada. Gustaríame que se pensase máis nas crianzas e no seu futuro, que son as máis desprotexidas”.

En Lingua de Signos segue apostando pola inclusión en eventos públicos. Este ano, como nos anteriores, estarán presenten na Cabalgata de Reis de Redondela e noutros actos de Nadal da provincia: “O ambiente na cabalgata é marabilloso, veñen nenos e nenas de outras localidades. Poñemos intérprete non só para os cativos, senón para toda a experiencia: para que os Reis Magos se comuniquen cos pequenos e para que se entenda todo o que se di no espazo. O noso desexo de Nadal é que volva ser un ano de prosperidade e que sigan apostando polos eventos culturais desde a inclusividade”, remata Raquel.

Para celebrar este quinto aniversario, desde a conta de Instagram @enlinguadesignos lanzaron un atractivo sorteo dirixido a todas as persoas que os seguen na rede social. Trátase dunha forma divertida de agradecer o apoio recibido nestes anos de crecemento conxunto. O premio consiste en dúas entradas para a estrea da nova obra da compañía galega Grupo Chévere, titulada Ictus. Anatomía de ‘A derradeira leición’ de Castelao, que se representará o 20 de febreiro de 2026 en Santiago de Compostela e será accesible en lingua de signos española. O sorteo realizarase o 30 de decembro de 2025.

En Lingua de Signos crece e contribúe a dar visibilidade e normalizar a LSE na vida cotiá.

Equipo de En Lingua de Signos.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará