A entidade botou a andar no ano 1975 co obxecto de promover o “desenvolvemento cultural, social e deportivo” de Redondela. Durante anos foi un referente para a veciñanza, coa celebración de eventos en datas sinaladas e un espazo de reunión e encontro no centro da vila. Co obxectivo de seguir traballando “nun proxecto que segue vixente medio século despois” teñen en marcha unha campaña de captación de socios vinculada á festa de fin de ano.
Os tempos mudaron e a situación do Centro Recreativo complicouse co paso das décadas, unha vez que foron causando baixa todos aqueles socios que fixeron posible coas súas cotas e doazóns contruir e encher de actividades este edifico. Así nolo explicaba o actual presidente da entidade, Daniel Virulegio.
A día de hoxe a entidade pelexa por autofinanciarse coa masa social da que dispoñen. Contan cun total de 450 socios que gozan das 14 actividades que alí se imparten: ballet, baile moderno, pintura, danza africa, tenis de mesa… así como o ximnasio que traballa a pleno rendemento e incorporará a partir de xaneiro propostas novidosas como o pilates de forza.
Con todo, na directiva son conscientes das eivas que presenta o edificio en canto a accesibilidade, xa que malia contar con ascensor os seus usuarios teñen que salvar un tramo de escaleiras para entrar no edificio, o que complica o acceso de persoas con mobilidade reducida .
Confían en que a nova campaña de captación de socios, que convida a veciñanza a asistir a festa fin de ano que se celebrará o vindeiro 31, incremente o número de usuarios e usuarias. Os socios poderán asistir gratis a este evento, mentres que o resto terán que abonar unha entrada de quince euros que lles dará a oportunidade de probar durante o mes de xaneiro calquera das actividades que se imparten no Centro.
Daniel Virulegio fai un chamamento á veciñanza a que apoien e participen dun “proxecto que segue vixente medio século despois”.












