A Federación de ANPAS repartirá entre o alumnado de secundaria dos centros públicos de Redondela e Pazos de Borbén 1.600 estoxos co lema “Correspons-Habilidade: A Arte de Compartir”. O obxectivo é fomentar unha reflexión continua da corresponsabilidade, entendida como a base para construír espazos máis xustos e equilibrados no fogar, na escola e na sociedade.
A iniciativa da Federación de ANPAS consistirá no reparto de preto de 1.600 fundas para lápices que chegarán ao alumnado de todos os centros de secundaria públicos de ambos so dous concellos. Unha intervención que dá continuidade ao traballo iniciado o pasado curso, cando o propio alumnado deseñou o lema da campaña. Agora, a mensaxe espállase a través dun obxecto útil, presente no día a día da mocidade e que acompaña o estudantado durante boa parte da súa xornada: o estoxo onde gardan os lápices, bolígrafos, etc
A campaña busca interpelar directamente á mocidade, convidándoa a preguntarse: Como aplicas ti a corresponsabilidade? A través desta acción, a Federación de ANPAS aposta por promover unha xuventude máis consciente, crítica e participativa e fai extensiva a campaña a toda a comunidade.
A Federación anima ás familias e aos centros educativos a acompañar nesta iniciativa, convidando a reflexionar sobre a importancia de ter presente a corresponsabilidade no día a día e de comprender que ao compartir contribuímos ao benestar propio e de todas as persoas que nos rodean. Trátase tamén de promover conversas sobre respecto, coidados e convivencia, e de animarnos a pensar no que facemos cada día e que pasos sinxelos podemos dar para avanzar cara a unha convivencia máis xusta e corres-ponsable.











