O calendario, do que se repartirán máis de 3500 exemplares, conta con debuxos do ilustrador, deseñador, humorista Luis Davila, popularmente coñecido polo seu traballo “O Bicheiro” no xornal Faro de Vigo. O calendario está cheo de retranca e conta con imaxes referenciais a Soutomaior.
O calendario comezará a repartirse nos domicilios do municipio durante a vindeira semana e irá acompañado dunha lámina contratada e feita para o Concello cun guiño á importancia que ten na nosa terra “mover os marcos”.
O calendario cheo de retranca conta con imaxes propias feitas para o concello, e moitas outras personalizadas para Soutomaior. Así, no mes de marzo, estará presente o feminismo, en abril a Festa da Ostra, en agosto a Semana Grande, en setembro a volta ao cole…
O alcalde, Manu Lourenzo salientou o traballo realizada por Davila xa que tanto “o calendario e a lámina son unha fermosura que demostran a xenialidade deste artista”. Lourenzo ten claro que se trata dun calendario que terá valor máis alá do 2026 e que entende vai promocionar o concello máis aló do seu territorio “seguro que recibiremos peticións para contar cun dos nosos calendarios de todos os puntos do país, estamos falando de Luis Davila un autor recoñecido, querido e moi admirado entre a poboación”.
Actividades Nadal
A programación de Nadal en Soutomaior continúa esta fin de semana. O venres espérase a visita do Grinch, o sábado aterrará en Soutomaior o Apalpador, celebrarase o Mercado de Nadal, tren de Nadal e tardeo musical con “Algo pasa con Mery”. Xa na xornada do domingo chegará de novo o Mercado de Nadal, o tren de Nadal, visitaranos Papá Noel e contaremos cunha sesión vermú protagonizada por “Demasiadas luces y pocas sombras”. Toda a infromación de Nadal en: https://soutomaior.gal/axenda/









