Máis de 600 persoas participaron nos cursos de Memoria, Risoterapia e Tai Chi realizados nas diferentes parroquias do municipio. Unhas actividades promovidas dende o Concello que buscan previr o deterioro físico e cognitivo e mellorar a calidade de vida dos participantes.
O Multiúsos da Xunqueira acolleu na fin de semana a clausura dos cursos de Memoria, Risoterapia e Tai Chi que organiza a concellería de Maiores nas diferentes parroquias do municipio.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira Iria Vilaboa, agradeceron a todo o alumnado a súa participación nestes obradoiros e incidiron na importancia de que estas clases se impartan non só nos núcleos urbanos de Redondela e Chapela, senón tamén nas demais parroquias do municipio para que todos os veciños e veciñas poidan acceder a estes servizos de xeito gratuíto e poidan participar nas actividades sen ter que desprazarse.
Con respecto ao ano pasado incrementouse o número de participantes, con máis grupos en todas as parroquias. Rivas cualifica como un “éxito rotundo” este programa para maiores, porque a resposta tanto do alumnado como dos profesionais que imparten as clases “é moi positiva, e todos e todas teñen gañas de seguir con máis actividades de cara ao curso que vén”. Os participantes valoran os obradoiros como algo moi beneficioso “xa que non só melloran a nivel físico e mental, senón tamén nas súas relacións sociais”.
Ao rematar a entrega de diplomas os participantes puideron gozar dunha chocolatada.









