Hoxe é Mércores 11 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Bálbora crece en Redondela e abre as portas da súa segunda sede

WhatsApp Image 2025-11-27 at 17.38.24

David Cons, coordinador e fundador de Bálbora.

O proxecto Bálbora leva catro anos consolidándose en Redondela como referente en intervención socioeducativa. O seu equipo multidisciplinar acompaña todas as etapas da vida —desde a atención temperá ata a idade adulta—, con especialización en psicoloxía, logopedia, altas capacidades, trastorno do espectro autista (TEA), dislexia e técnicas de estudo. Tras inaugurar o seu primeiro centro na rúa Figueiral, Bálbora abre agora un segundo centro na Praza de Ribadavia. Para celebralo, mañá sábado 13 de decembro organizan unha xornada de portas abertas a partir das 12:30 h. Toda persoa interesada poderá coñecer as instalacións, o equipo e a súa forma de traballar, mentres goza duns petiscos de cortesía.

David Cons, coordinador e fundador de Bálbora, leva seis anos traballando en Redondela. “Sempre quixen ser pedagogo. Comecei por Educación Social, pero rematei na Pedagoxía. Comecei dando clases particulares e, hai catro anos  atopeime co traspaso da academia que tiña Alba, a auténtica fundadora de Bálbora. Era un negocio que funcionaba, con moitos nenos e nenas, e un local grande onde podía facer máis cousas, por iso decidinme a continuar aquí o meu proxecto”, explica. Daquela só estaba na Rúa Figueiral e hoxe xestionan os dous espazos e continúan crecendo.

David Cons.

Converter diferenzas en fortalezas

Bálbora non aplica unha metodoloxía única. “Depende das necesidades e fortalezas de cada persoa; cada quen precisa cousas distintas”, subliña David Cons. O obxectivo final é claro: que nenos, adolescentes e adultos aprendan a ser autónomos, melloren as súas capacidades de estudo e saiban resolver os retos da vida por si mesmos. “Non queremos que estean na academia toda a vida, senón que collan ferramentas”.

David Cons.

David está especializado en altas capacidades, espectro autista e dislexia –tríade que, segundo di, “é moi común atopala xunta”. Estima que unha de cada dez persoas podería presentar algún destes trazos. “O importante é detectalo a tempo e ensinarlles métodos e hábitos de estudo que transformen esas diferenzas en fortalezas. Hai un mito de que as persoas con altas capacidades teñen mellores resultados académicos; moitas veces aprenden escoitando na clase, pero cando chegan a casa non saben como afrontar as tarefas. Precisan reorganizar e adquirir bos hábitos”, engade.

David Cons.

Sobre o aumento de diagnósticos de TEA (Trastorno do Espectro Autista) nos últimos anos, Cons é rotundo: “Non é que hoxe haxa máis autismo que antes, é que agora temos máis ferramentas para darnos conta. Melloraron os instrumentos, os profesionais están máis capacitados e os departamentos de orientación teñen máis recursos –oxalá tiveran aínda máis–. Hai casos que hai vinte anos non se diagnosticaban e hoxe si, pero moitas persoas son totalmente funcionais, teñen unha vida plena e nin sequera saben que teñen ese diagnóstico; non lles afecta en nada”.

David Cons.

Con todo, recoñece que o déficit de atención si puido aumentar algo máis polo mal uso das pantallas: “Aínda que son moi defensor das pantallas e da tecnoloxía ben usada, o problema non é a ferramenta, senón o contido: ritmos rápidos, cores saturadas exceso de información. Iso si fai dano, especialmente de 0 a 6 anos. Canto máis pequenos, mellor menos exposición”.

David Cons.

As etiquetas, para Bálbora, só serven para entender as necesidades e traballalas. “Un neno ou nena con TEA, cando atopa un interese, pon toda a súa atención e pode ser moi bo nese campo. Iso é unha fortaleza que hai que potenciar”, remarca David.

Servizos destacados

  • Identificación e atención integral das altas capacidades (con cuestionario inicial gratuíto para familias).
  • Técnicas de estudo personalizadas desde 5º de Primaria ata oposicións ou universidade.
  • Atención temperá, logopedia, psicoloxía infantoxuvenil e adulta.
  • Sesións individuais, grupais e actividades para socializar con iguais.

David Cons remata cunha reflexión que resume a filosofía de Bálbora: “A miña primeira titulación foi Educación Social e téñoo moi presente. Interésame que o meu pobo e os arredores teñan servizos completos e unha atención de calidade. Sempre estou pensando que máis podo ofrecer, non desde unha visión de negocio, senón porque me gusta o que fago e porque sei que o que facemos neste sector é necesario”.

David Cons.

Se queres coñecer de primeira man o proxecto, o sábado 13 de decembro abren as portas do seu novo centro. Unha oportunidade para resolver dúbidas e descubrir como converten as diferenzas en fortalezas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará