A Rúa Reveriano Soutullo, tamén coñecida como rúa do Medio, organiza o domingo 14 unha festa de Nadal para reivindicar a importancia do comercio de proximidade, agradecer á clientela o apoio que lles brindan durante todo o ano e convidar á veciñanza a achegarse a unha rúa “emblemática e que as veces pasa un pouco desapercibida”. Música, obradoiros e actividades culturais e festivas centran o programa que arrancará ás 17:00 horas do domingo.
Tania Lago da Libraría Rosalía e Compañía e Fara Míguez de Tía Estébana son dúas das promotoras dunha festa que se desenvolverá o domingo e que conta tamén coa colaboración do resto de establecementos que se atopan na rúa do Medio: a perruquería Lourdes Oliveira, a mercería Xeitosiña ou a academia English Center. Todos eles uníronse para preparar un programa que arrancará ás 17:00 horas con obradoiros de adornos de Nadal e peiteados festivos, unha lectura teatralizada do texto “Son como glaciares os barcos de aceiro” e un taller de baile swing ás 18:30.
Ás 19:30 está prevista unha sesión de panxoliñas en inglés e a continuación un concerto en directo con Sara Gimeno. O fin de festa chegará ao remate cun brindis moi redondelán, con piscolabis e licores de Arelar.
Unha tarde chea de actividades variadas e que inclúe tamén o sorteo dunha cesta con produtos achegados por todos os comercios da rúa. Unha festa para celebrar e convidar a pasear polo Casco Vello da vila e coñecer todos eses establecementos que enchen de vida o centro histórico de Redondela.
Presentación literaria
A dinamización na zona conta tamén con actividades vinculadas á literatura como a que terá lugar este sábado ás 12:00 horas na Libraría Rosalía. Ata alí desprázase Raquel C. Pico para presentar o libro “O mundo de Jane Austen” en conversa coa xornalista María Ramos Domínguez. Unha cita para conmemorar o 250 aniversario de Austen coa presentación deste ensaio sobre a súa figura e as falsas crenzas que dela e da súa obra nos chegaron ata o día de hoxe.









