A Copa de Aficionados da Deputación de Pontevedra viviu onte un encontro moi desigual no Campo Municipal de Parada, co derbi local entre o Chapela CF e o CD Choco. Os visitantes impuxéronse cun contundente 1-14, nun partido que os choqueiros dominaron de principio a fin.
Esta vitoria pecha a primeira eliminatoria cunha das goleadas máis abultadas do torneo e permite ao CD Choco avanzar con autoridade ata a próxima fase, que se retomará en xaneiro.
O adestrador do Choco, Alberto Rabadán, analizou o encontro: “A clave estivo nos primeiros 20 minutos. Saímos moi concentrados, serios e con fortuna nos remates, metendo cinco goles rápidos. Iso deunos unha confianza enorme e o partido fíxose moito máis sinxelo do esperado. A priori pensábamos que ía ser complicado, que nolo poñerían difícil, pero non quixemos relaxarnos en ningún momento e mantivemos a boa mentalidade ata o final”.
Rabadán tamén mirou xa para adiante: “Agora o próximo domingo recibimos en Santa Mariña ao líder da liga en Preferente, e será un partido totalmente diferente. Temos que centrarnos e non baixar a garda”.
Un marcador tan avultado é máis habitual neste tipo de copas que durante a liga, onde se enfrontan equipos de categorías distintas. O CD Choco compite en Preferente, mentres que o Chapela CF o fai en Terceira, e esa diferenza de nivel notouse claramente sobre o céspede.









