Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Paraugas negros para denunciar a vulneración dos dereitos das persoas con diversidade funcional

andaina nenos

Foto: Arquivo

A Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional convoca este mércores 3 de decembro, na Praza do Concello (ou no Multiusos da Xunqueira en caso de choiva) un acto que “non busca celebrar, senón reivindicar os dereitos das persoas con diversidade” baixo o lema “Máis dereitos, menos favores”.

Un día de loito colectivo, explica Loreto Hervello secretaria de Andaina, no que se lembra e se denuncia a vulneración constante, silenciosa e estrutural dos dereitos da cidadanía con diversidade funcional ao longo de todo o ano.

Os actos previstos arrancarán ás 10:00 horas coa instalación dunha mesa informativa atendida por homes e mulleres dos módulos de formación prelaboral e adultos da Asociación Andaina e a venda de merchandising solidario. Nela ofrecerase material solidario para recadar fondos e información sobre o labor da entidade, sempre co obxectivo de facer visible unha realidade que segue a ser moitas veces ignorada.

O acto central comezará ás 12:00 horas coa lectura dun manifesto reivindicativo a cargo de membros da Xunta Directiva e de mozos e mozas pertencentes á Asociación Andaina, que porán voz ás demandas dunha cidadanía cuxos dereitos continúan a ser vulnerados.

Un acto que contará tamén coa participación de máis de 150 alumnas e alumnos dos centros educativos do municipio, que levarán a cabo un estudo das boas prácticas que xa aplican e unha análise das eivas que deben mellorar para construír unha comunidade na que todo o alumnado perteneza por igual, independentemente das súas características.

Este ano, Andaina entregará un Manual de Boas Prácticas, un documento que apela directamente á responsabilidade do Concello, de todos os grupos políticos, esixindo que as actividades públicas garantan a participación plena da cidadanía con diversidade funcional e non continúen perpetuando a exclusión a través de barreiras evitables.

Un acto que contará tamén con intervencións institucionais a cargo da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; da concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa; do concelleiro de Educación, Alberto Álvarez e da concelleira de cultura Rita Pérez.

Andaina convida ás veciñas e veciños a acudir co seu paraugas negro, símbolo de loito reivindicativo para quen queira expresar o seu apoio e ao compromiso de construír unha comunidade máis xusta.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará