Foto do Chapela CF
Unha xornada de todo ou nada: goleadas e vitorias importantes para Chapela, Villar e Cesantes; derrotas dolorosas para Choco e Soutomaior, e un triunfo sufrido pero clave para o Arcade. A loita en todas as categorías segue máis aberta ca nunca.
Preferente: Pontevedra C.F. “B” – C.D. Choco (5-1)
Dura derrota do CD Choco na súa visita ao filial do Pontevedra (5-1). O conxunto redondelán pagou caro os seus erros en momentos clave e unha arbitraxe que, segundo o seu adestrador Alberto Rabadán, resultou determinante.
“Houbo dous factores fundamentais: a porcentaxe de erros ante sete ocasións claras de gol –que son moitas– e unha arbitraxe algo agresiva que non se adaptou ao ritmo do partido. Foi un encontro dinámico e alegre, pero non aproveitamos as nosas opcións. A competición é así, hai que seguir loitando e o domingo na casa así o faremos”, declarou Rabadán.
O único gol localchegou aos 63’ por mediación de Daniel. Con esta derrota, o Choco cae á 9ª posición e a próxima semana recibe ao líder, a UD Atios.
Primeira Galicia: C.D. Arcade – Flavia S.D. (1-0)
Importante vitoria do CD Arcade no seu campo ante o Flavia (1-0). Os de Soutomaior souberon sufrir e defender con orde durante todo o partido, e un penalti de Manuel Fernando no minuto 63 decidiu o encontro.
Os tres puntos colócanos na 9ª praza. A vindeira xornada visitan ao SD Valiño, un rival inmerso na zona perigosa e moi necesitado de puntos.
Segunda Galicia: U.D.S.M. Deiro – C.D. Soutomaior (1-0)
Menos sorte correu o CD Soutomaior, que caeu pola mínima (1-0) na súa visita ao Deiro. Os de Vilagarcía non puideron romper o muro local e descenden ata a 11ª posición.
A próxima semana tentarán recuperar sensacións no seu campo ante o SD Puente Arnelas, segundo clasificado e firme candidato ao ascenso.
Terceira Galicia, Vigo: Cabral F.C. – Chapela C.F. (0-6)
Exhibición do Chapela CF no campo do Cabral. Os de Redondela endosáronlle media ducia de goles (0-6) nun partido que dominaron de principio a fin, especialmente na segunda metade.
Con esta goleada, o Chapela entra na zona de ascenso e recupera a 4ª praza. O próximo domingo defenden o seu posto no municipal ante o CD Coya, equipo da zona baixa.
Goles: Diego (6’), Antoni (38’ e 69’), Olivier Cyril (46’), Anxo (77’) e Mario (82’).
Terceira Galicia, Vigo: Atlético Villar – Descanso Sampayo (6-1)
O líder non fallou. O Atlético Villar goleou na casa ao Descanso Sampayo (6-1) e mantén con firmeza o primeiro posto con 28 puntos. Os de Villar seguen demostrando que son o gran favorito ao ascenso.
A próxima semana visitan ao CF San Esteban, rival da parte baixa da táboa.
Goles: Iago, Pablo (34’, 90’ e 90+1’), David (36’) e Adrián (67’).
Terceira Galicia, Pontevedra: C.D. Mosteiro – C.D. Cesantes (2-2)
Valioso empate do CD Cesantes no campo do Mosteiro (2-2). Dominaron gran parte do encontro e chegaron ao descanso cunha vantaxe de dous goles grazas ao intratable David (22’ e 59’), que xa leva 22 dianas esta tempada –unha media de dous por partido–. Un gol local no minuto 71 fixo xustiza no marcador.
O punto mantén ao Cesantes no liderado dunha clasificación extremadamente axustada. A próxima xornada reciben ao rival directo polo podio, o S.C.D. Poio.









