Fotos: Xosé Couñago
A través dunha alegación, Xosé Couñago e Juan Migueles instan á Xunta a incluír no Catálogo do litoral unha serie de bens culturais de interese que, malia o seu evidente valor e localización no ámbito costeiro, non están recollidos nese documento. Entre outros elementos significativos que foron esquecidos nesta recompilación salientan as telleiras de Cesantes, as barras do Alvedosa, o antigo porto da Portela, as casetas mariñeiras de Cesantes e Soutoxuste ou o antigo peirao do aserradoiro de Cardona en Chapela.
O Catálogo de Bens de valor cultural do litoral está concibido como a ferramenta legal para identificar e garantir a preservación dos elementos significativos da costa. Con todo, no catálogo publicado pola Xunta de Galicia aparecen tan só 16 elementos patrimoniais do litoral do concello observándose nesa listaxe importantes ausencias.
Nesta alegación recóllense os 24 bens con protección patrimonial que non aparecen no catálogo e que si están recollidos no PXOM. Entre os elementos máis significativos salientan as Telleiras de Cesantes, situadas no monte da Telleira e que conservan unha gran parte das antigas instalacións de produción de tella; as barras do Alvedosa, diques de canalización da corrente fluvial e do tráfico marítimo que entraba no antigo porto da vila de Redondela, construídas en 1929 e que constitúen unha das iconas visuais da dársena da Portela; o porto antigo da Portela -tamén coñecido como Peirao dos Carabineiros- construído no século XVIII e que foi o antigo porto de entrada de mercadería en Redondela para os barcos que non podían entrar na vila por falta de calado.
Outras ausencias salientables son as casetas mariñeiras de Cesantes e Soutoxuste ou o peirao antigo do Aserradoiro Cardona, en Chapela, a onde se transportaban os troncos das árbores cortadas que eran transportadas flotando polo mar, de onde eran sacados cun guindastre. Hoxe é un lugar de especial atractivo no paseo marítimo de Chapela.
Outras omisións destacables fan referencia a un total de sete praias do litoral (praias de Soutoxuste, Cesantes, Praia Vella, Porta Cedeira, Rande, Cabanas e Arealonga) ou empresas tanto en funcionamento como sen actividade que tampouco figuran neste catálogo e que poderían ter outros usos futuros compatibles coa súa conservación e protección: a antiga fábrica de porcelana de Soutoxuste, a Fábrica de conservas Manuel Pascual, SL (no peirao de Cesantes, sen actividade), a Fábrica de Nova Pescanova (COPIBA) (Edificio de estilo racionalista) e Conservas Peña (actual Grupo Oya Pérez).

Caseto de mariñeiros en Soutoxusto














