Os nacionalistas entenden que as podas que se adoitan realizar nas árbores da Alameda Castelao son excesivas e van máis aló dun traballo de mantemento. Advirten de que estas prácticas reducen a capacidade destas árbores de ofrecer sombra e benestar nos meses de primavera e verán. Por este motivo demandan ao goberno de Digna Rivas unhas podas máis axustadas que garantan a sombra en espazos tan necesarios como o parque infantil Xohana Torres.
O inicio das podas do arborado da Alameda Castelao no casco urbano de Redondela, levou ao BNG a amosar a súa preocupación ante unha intervención que consideran excesiva e que debería axustarse ás necesidades dun mantemento básico do arborado, xunto á creación de espazos con sombras para o lecer no verán.
Neste sentido o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González demanda ao goberno local que teña en conta que durante o periodo estival as altas temperaturas, a radiación solar provoca que en moitas ocasións os espazos de sombra sexan prioritarios para permitir que a Alameda sexa un entorno de lecer. Para garantir estes espazos consideran que se debe manter un necesario equilibrio nos traballos de mantemento que se realizan nas árbores da Alameda fronte ao que entenden “as agresivas podas que provocan que nos meses de primavera e verán, nas horas de maior incidencia solar, a falta de sombra expulse aos cativos e cativas do parque infantil”. Recolle neste sentido as queixas “lóxicas” de moitos país e nais sobre a situación do parque infantil Xohana Torres.










