Os populares aseguran que nas últimas datas teñen detectado cada vez máis altercados, ruídos nocturnos e tráfico e consumo de drogas que están a causar inquietude entre a veciñanza das rúas Cabo dos Fumeiros e Regateiras, o Viaduto, a Praza Santiago Apóstolo, a urbanización de Regojo ou diversos puntos de Chapela. Ante esta situación retoman unha vella reclamación: a creación dunha comisaría de distrito en Redondela -que foi aprobada por unanimidade do pleno no ano 2019- e a dotación de máis axentes da Policía Nacional.
Os populares aseguran que cada vez están xurdindo máis altercados, ruídos e pelexas nocturnas, prácticas temerarias con motos e outros vehículos en rúas pequenas e calexóns, consumo e tráfico de drogas coa aparición de xiringas e papeliñas na vía pública e incluso venda de estupefacientes xunto a un parque infantil. Afirman que todas estas problemáticas estanse a estender, ante a falta de efectivos da Policía Nacional en Redondela, por diversos puntos do municipio, como as rúas Cabo de Fumeiros e Regateiras, a contorna do Viaduto, a Praza de Santiago Apóstolo, a urbanización de Regojo ou diversos barrios de Chapela, entre outros.
Unha preocupación pola inseguridade cidadá que, segundo explican, lle teñen trasladado os propios veciños “recibimos cada día máis queixas ante o aumento dos problemas de convivencia, a comisión de delitos, as prácticas insalubres ou o incremento da conflitividade e cremos que, antes de que vaia a máis malia que a situación xa é insostible en moitas rúas, é preciso poñerlle couto de xeito urxente e inmediato”, explicou o voceiro municipal, Javier Bas, que achaca o inicio destes problemas ao traslado de efectivos da Policía Nacional a Vigo por orde do Ministerio do Interior no ano 2019.
Critica tamén o voceiro do PP que malia o compromiso da alcaldesa Digna Rivas de xestionar a recuperación de axentes e a creación dunha terceira comisaría da área Vigo-Redondela no propio concello “non se fixera absolutamente nada ata o de agora neste sentido” e anuncian que “van a redobrar os seus esforzos e o emprendemento de novas accións políticas “ante a falta de solucións efectivas” por parte do goberno de Rivas.









