A corporación municipal debaterá, no pleno extraordinario que se celebra este venres 21, a proposta de orzamentos presentada polo goberno de Manu Lourenzo para o 2026 e que ascende a 6,2 millóns de euros. Unha cifra que supón un incremento de máis de medio millón de euros respecto do ano pasado e 1,5 millóns de euros máis se o comparamos co último orzamento presentado polo anterior goberno do PP.
Lourenzo, acompañado do concelleiro de economía, Diego Moreira salientaron que no documento económico que se vai debater este venres hai “un incremento en todas as partidas” e puxeron como exemplo que na partida de actuación de protección e promoción social o orzamento chega a preto do millón de euros mentres que a partida de investimentos supera o medio millón.
O alcalde asegura que o concello se atopa nunha boa situación económica o que permite que a día de hoxe haxa máis de 4 millóns de euros en investimentos e obras na rúa froito dunha “xestión responsable, seria e rigorosa cun modo de xestionar a economía do concello que ten como principal obxectivo defender o interese xeral da veciñanza así como a responsabilidade no gasto e o control de fiscalización de ata o último euro que entra no concello”.
Os responsables municipais salientaron tamén que o Concello cumpre de maneira escrupulosa os prazo e xestiona os cartos con rigor o que permite que “Soutomaior conte cunha axenda de referencia na contorna e uns servizos que presta atención á veciñanza con moito máis persoal e investimentos que eran impensables hai apenas dous anos”.









