O GPS volvía xogar así unha mala pasada a un camioneiro que, seguindo as instrucións do navegador, subiu polo camiño da Lameira, unha vía rural que parte dende o concesionario da Opel e que sube ata a igrexa da parroquia. Esta vía é especialmente empinada na parte alta onde ademais o condutor atopouse coas curvas que lle fixeron imposible superar o tramo final e saír á rúa principal.
O vehículo tivo que ser remolcado por un guindastre logo de quedar atrancado no camiño que comunica a N-550 –nas inmediacións do tanatorio- coa Igrexa de Quintela. O tráiler, de 12 metros de lonxitude (unhas 18 toneladas) ía completamente cargado e acabou así nesta vía rural sen posibilidade de saír sen axuda. O accidente tivo lugar antes das nove da mañá, hora na que un condutor chamou a policía local alertando da presenza dun vehículo de gran tamaño atascado na vía. Ata o lugar desprazouse un guindastre que se encargou de remolcar o vehículo ata facilitar a súa saída da vía tras unha complicada operación que rematou contra as 11:30 horas.
Segundo atasco na bisbarra nesta semana
Dáse a circunstancia de que o domingo outro vehículo de gran tamaño atopouse nunha situación moi semellante no barrio de Cortellas en Soutomaior. O suceso tivo lugar nesta fin de semana e novamente as indicacións do GPS, ao que se lle sumou o mal tempo, deixou a un camioneiro ucraniano atrancado nun cruce de camiños cando ía camiño de Ponte Caldelas. Foi preciso mobilizar dúas grúas que durante cinco horas tiveron que ir movendo o vehículo aos poucos pola pista de Cortellas ata chegar a un vial no que puido conducir.










