O Concello de Redondela vén de solicitar á Deputación de Pontevedra que suspenda temporalmente as obras de pavimentación previstas na EP-2904 ao seu paso pola Portela “mentres non se habilite unha solución alternativa de acceso que garanta a mobilidade da poboación afectada”. Critican que o organismo provincial non teña informado previamente ao concello que soubo deste corte da estrada “polos anuncios colocados na vía durante a fin de semana”.
No escrito remitido á Deputación instan a este organismo a que paralice a actuación prevista para os días 18, 19 e 20 na EP 2904 ao seu paso pola Portela e que provocaría que “ducias de veciños e veciñas da zona quedasen totalmente incomunicados e sen alternativa posible”.
Explican dende o Concello que actualmente xa está pechada unha parte da estrada que dá servizo aos veciños da Portela por mor dos traballos que está a realizar ADIF e que supuxo a eliminación provisional do paso sobre a vía.
No caso de realizarse a actuación de pavimentación anunciada pola Deputación “a execución simultánea das obras provocaría que os residentes do núcleo de poboación de A Portela quedasen totalmente illados, ao impedirse tanto a entrada como a saída da zona debido ao corte do único acceso practicable neste momentos”.
Engaden que esta situación suporía un grave prexuízo para a veciñanza afectando a “desprazamentos laborais, escolares, sanitarios e a calquera necesidade básica de mobilidade” polo que instan a Deputación a adiar as obras.
O goberno local explica que no Concello non había información previa sobre o proxecto construtivo das obras a executar e aseguran que tiveron coñecemento das mesmas a través “de papeis pegados na zona” nos que se informa á veciñanza de que a partir deste martes non se poderá entrar nin saír por esa estrada por obras de pavimentación.










