Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela licita o proxecto de redacción de reforma da avenida Mendiño

avenida mendiño

O proxecto que licita o Concello busca reordenar esta vía coa reforma da pavimentación, do mobiliario urbano e das zonas verdes no tramo que vai desde o centro urbano ata o porto de Cesantes. A actuación suporá un investimento de 1,6 millóns de euros e permitirá reformar este espazo con novas zonas de beirarrúas e aparcamentos así como a inclusión de semáforos. O proxecto contempla tamén zonas con vexetais e arborado para que resulte un espazo público máis amable para os usuarios da vía. A redacción do proxecto licítase por 115.000 euros e as empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o 29 de decembro.

Redondela licita o proxecto de redacción da avenida Mendiño para o “acondicionamento, mellora da seguridade viaria e reordenación” desta estrada por un importe de 115.000 euros. A alcaldesa, Digna Rivas, asegura que o proxecto do Concello vai mellorar substancialmente a proposta inicial da Xunta tras realizarse unha memoria técnica para modificar o proxecto e crear “un espazo público unificado ao longo de toda a avenida no que o cidadán sexa protagonista”. O proxecto que agora licita o Concello é completamente uniforme: na pavimentación, no mobiliario urbano e nas zonas verdes, desde o centro urbano ata o porto de Cesantes. Esta memoria recolle as demandas do Concello, veciñanza e formacións políticas.

A actuación, cun ancho da vía de entre 12 e 15 metros, supón unha superficie duns 21.500 m2. O proxecto vai “redeseñar” todo este espazo público: nova sección de beirarrúas, zonas de aparcadoiro, carrís de circulación de vehículos, rede semafórica, etc. Deseñarase ademais a nova pavimentación. Haberá uniformidade cun mesmo deseño ao longo da totalidade da vía, tendo como punto de inicio o enlace da vía. Avaliarase tamén a escorrentía de pluviais e o seu tratamento e recollida. Incorporaranse zonas con vexetais e arborado “para que resulte un espazo público máis amable e mitigue o cambio climático” para os usuarios da vía. Deseñarase tamén mobiliario urbano e zonas de descanso accesibles.

A vía, cunha lonxitude aproximada de 1 quilómetro, dá acceso a numerosas dotacións municipais, colexios, institutos, pavillóns deportivos, Centro de Saúde, Centro de Maiores e aparcadoiro público, entre outros servizos. Estímase que soporta uns 7.000 vehículos ao día e un elevado tránsito de peóns malia o cal a vía presenta actualmente un importante estado de deterioro, especialmente nas beirarrúas e zonas de aparcadoiro que Rivas achaca “a falta de mantemento da Xunta nesta estrada autonómica nos últimos anos”.

Financiamento

A alcaldesa critica que o convenio asinado coa Xunta obrigue ao Concello a encargarse da redacción do proxecto, licitación e execución das obras. Tamén a que a titularidade da estrada autonómica se traspase ao Concello. Denuncia Rivas que o convenio “incumpre o compromiso anunciado pola Xunta en 2019, cando anunciaron en Redondela un investimento de 1,6 millóns para a avda. Mendiño”. No convenio a Xunta estima que as obras ascenderán a 1.594.713 euros, dos que o Concello asume o 30% e a Xunta o 70% restante, cun máximo de 1.161.444 euros. O acordo obriga ao Concello a sufragar “todos os gastos das obras que excedan o importe estimado”. Rivas afirma que o custo para as arcas municipais será “moi superior” para poder facer a reforma “que os veciños e veciñas de Redondela merecen”.

As bases para optar á licitación da redacción do proxecto están publicadas na sede electrónica do Concello. As empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o 29 de decembro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará