Os traballos de rexeneración integral da enseada de San Simón promovidos dende Galicia Suroeste e Redondela contan cun orzamento de 18.000 euros que se investirán na realización de melloras na contorna para protexer e adaptar este espazo ao escenario de cambio climático, centrados principalmente na eliminación de especies exóticas invasoras na zona. O proxecto, explican dende o Concello “non puido realizarse na data prevista pola falta de permisos da Xunta para actuar nesta zona de especial protección e, unha vez recibidos os permisos na primavera, non era viable poñer en marcha a actuación por cuestións técnicas e medioambientais, que desaconsellan a eliminación de especies invasoras no momento da floración”.
A concelleira de Redondela, Rita Pérez xunto ao Representante Institucional do Xeodestino e alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, asistiron ao inicio dos traballos de retirada manual de especies exóticas invasoras da zona dunar e supralitoral, unha acción que busca protexer este enclave único e que se realizará entre os meses de novembro e decembro.
Coa retirada dos exemplares de Artotheca Calendula preténdese restaurar o equilibrio natural e recuperar a biodiversidade local, xa que a presenza desta especie exótica está xerando unha perda de espazo para as especies nativas e tamén, rompendo a conectividade ecolóxica básica.
Enmarcada dentro desta actuación limparase a zona dunar de residuos sólidos urbanos que frean os restos de arribazón de algas e outra materia natural necesaria para nutrir a outras especies, contribuíndo así a restaurar a funcionalidade ecolóxica do espazo e favorecer o uso recreativo, educativo e turístico da contorna.
En concreto, con esta actuación, que conta cun investimento de 18.000 euros e que se enmarca na liña de transición verde e ecolóxica do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) de Galicia Suroeste, perséguese tanto a preservación ambiental coma a posta en valor do patrimonio natural da contorna, impulsando un turismo respectuoso co medio ambiente que garanta un uso sostible e equilibrado dun espazo natural único cun valor ambiental incalculable.









