Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Empresarios do sector alertan dos posibles efectos da aplicación dunha taxa turística en Redondela

peregrinos2

A Asociación de empresarios critica que o pleno aprobara unha taxa turística de 1 euro por noite para todas as persoas que pernocten no municipio sen ter realizado “ningún tipo de consulta previa” co sector afectado. Alertan dos posibles efectos deste imposto “sobre o turismo, o comercio e o emprego” e instan ao goberno a abrir un proceso de diálogo co sector. Anuncian unha reunión cos empresarios afectados para avaliar a medida.

A taxa turística de 1 euro por noite saíu adiante no pleno municipal do pasado xoves tal e como adiantaba esta Radio Municipal. Os votos a favor de PSOE e BNG permitiron aprobar a proposta presentada pola Agrupación de Electores e que contempla aplicar unha taxa ás estancias turísticas que gravará a pernocta en todo tipo de aloxamentos hotelerios, incluídos os apartamentos ou as vivendas turísticas. Estímase que a medida permitiría recadar ao Concello máis de 160.000 euros anuais atendendo ao número de visitantes, principalmente peregrinos, que fan noite en Redondela. A medida foi acollida con “profunda sorpresa” por parte da Asociación de Empresarios que din “foi adoptada sen ningún tipo de consulta previa co sector turístico local nin coa nosa entidade, que representa a gran maioría das empresas vinculadas ao turismo en Redondela”.

Por este motivo, solicitan ao Concello que reconsidere esta decisión e que abra un proceso de diálogo real e transparente co sector antes de implementar calquera ordenanza que afecte directamente á actividade económica local. Entenden que “é imprescindible que se escoiten todas as voces implicadas e que se avalíen con rigor os posibles efectos desta taxa sobre o turismo, o comercio e o emprego”.

Negociación e reunión co sector

Aseguran estar abertos a colaborar na busca de solucións que contribúan ao desenvolvemento sostible do turismo en Redondela, pero sempre desde o consenso e o respecto institucional.

Nos vindeiros días teñen previsto convocar unha reunión coas empresas asociadas do sector do aloxamento e actividades complementarias para abordar esta cuestión.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará