Foto: A borrasca arrancara o tellado do edificio
Pazos de Borbén destinará 165.000 euros de fondos propios para poder rematar a reparación do tellado do edifico municipal afectado pola borrasca Martinho do pasado mes de marzo que arrincara por completo o tellado da Casa Consistorial. A medida foi aprobada polo pleno tras negarse o seguro a sufragar a totalidade da reparación. O goberno local anuncia que emprenderá acción legais contra a aseguradora.
O arranxo do tellado, que os fortes refachos de vento levantaran por completo o pasado mes de marzo, supera os 300.000 euros. Con todo, a aseguradora tan só recoñeceu 147.462 euros polo que máis da metade do orzamento quedaría sen cubrir. Ante esta situación o goberno local levou a un pleno extraordinario celebrado onte unha proposta para destinar 165.000 € do remanente para poder rematar a reparación do tellado do edificio municipal.
A proposta foi aprobada cos votos a favor dos concelleiros de Alternativa Veciñal, PSOE e BNG, o que permitirá avanzar nunha actuación imprescindible para garantir a seguridade e o bo estado das instalacións municipais.
Dende o goberno, tras agradecer “o sentido común e a responsabilidade mostrada por quen entendeu que o importante é o ben da veciñanza por riba de calquera interese político” anuncian que emprenderán acción legais contra a aseguradora que se nega a pagar a totalidade da reparación alegando un suposto infraseguro.









