A zona tivo que ser acordoada polos efectivos do GES de Mos que se desprazaron a Redondela para garantir a seguridade dos peóns, xa que unha das tapas de rexistro levantouse do chan. A explosión provocou unha enorme preocupación entre os veciños da zona así como un corte do subministro eléctrico que se prolongou dende as 16:20 atas as 20:40 horas.
Enorme susto o que se levaban na xornada de onte os residentes e peóns que ás 16:20 horas se atopaban nas proximidades da rúa Xeneral Rubín cando se producía unha explosión baixo unha tapa de rexistro da beirarrúa, diante da Farmacia Andrea Domínguez. A explosión e o posterior lume debeuse a un fallo eléctrico do cableado que discorre por debaixo da beirarrúa e deixou tamén unha estela de fume de cor laranxa que preocupou á veciñanza.
O 112 recibiu a chamada contra as 16:20 horas na que se alertaba do sucedido e mobilizou aps efectivos do GES de Mos que se desprazaron ao lugar para acordoar a zona e tratar de identificar e solucionar o fallo eléctrico. O corte no subministro deixou sen luz durante toda a tarde a varios dos edificios contiguos así como ao despacho de Loterías, ao Herbolario e a panadería que se atopan nesa rúa, nas inmediacións do lugar da explosión.
A situación normalizouse contra as 20:40 cando xa se restableceu a electricidade.











