A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e máis os alcaldes de Soutomaior, Manu Lourenzo, o de Pazos de Borbén, Luciano Otero asinaron un convenio de colaboración do que tamén forma parte Fornelos de Montes e que supón o primeiro paso para poñer en marcha un servizo comarcal de atención temperá orientado a dar apoio á poboación infantil de 0 a 6 anos dos catro municipios. Os nenos e nenas accederán a este recurso mediante derivación do seu pediatra cando se detecte ou exista sospeita dalgún trastorno no desenvolvemento do menor.
O Servizo de Atención Temperá un recurso público e gratuíto dirixido a nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos. A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que o obxectivo principal é ofrecer este recurso que é “imprescindible” para moitas crianzas e e as súas familias, e facelo “dun xeito precoz e no seu entorno máis próximo”. Os nenos e nenas accederán a este recurso mediante derivación do seu pediatra de referencia cando se detecte ou exista sospeita dalgún trastorno no seu desenvolvemento. A posta en marcha deste convenio, que valoraron dun xeito moi positivo todos os alcaldes, supón ofrecer “apoio especializado para os menores e tamén para as súas familias, o que favorecerá a autonomía e a inclusión das crianzas ofrecendo unha intervención adaptada ás necesidades específicas de cada caso”. O Servizo de Atención Temperá permitirá “detectar e intervir o antes posible para optimizar as terapias e tratamentos necesarios en cada caso”.
O servizo prestarase en instalacións do Concello de Redondela, e contará cun mínimo de tres profesionais especializados en trastornos do desenvolvemento a nivel cognitivo, psicomotor, da linguaxe e comunicación, da autonomía e tamén prestarán apoio e formación á familia. O equipo ofrecerá atención interdisciplinar en ámbitos como a psicoloxía, a logopedia e a fisioterapia.
A sinatura deste convenio “é un primeiro paso” e a través do mesmo os catro Concellos acordan solicitar as subvencións convocadas pola administración autonómica dentro da Rede Galega para o seu financiamento.









