O PSOE de Redondela asegura que os orzamentos da Xunta para o ano 2026 “esquecen un ano máis ao municipio” sen atender a demandas “prioritarias para a cidadanía como A Escola de Chapela, a segunda fase da avenida de Vigo ou o comedor do CEP Santa Mariña. Aseguran que a Xunta consigna 670 millóns para os Concello e “0 para Redondela”. Os populares tildan esta afirmación de falsa ao recoller o documento “a reforma da Avenida de Mendiño, as actuacións na Illa de San Simón ou o Fondo de Cooperación Local, entre outros”.
Tras coñecerse a letra pequena dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, os socialistas de Redondela amosaron o seu malestar ante o que cualifican como “unha burla para o Concello e unha falta de respecto total para os veciños e veciñas do cuarto municipio da provincia”. A secretaria xeral do partido, Digna Rivas, denuncia que o goberno “borra do mapa a Redondela” e non consigna “nin só euro para atender as necesidades deste municipio e da súa cidadanía”. Rivas lembra que hai servizos “prioritarios” que non aparecen neste orzamentos como a Escola Infantil de Chapela ou a creación de comedores escolares na EEI A Marisma e no CEP Santa Mariña.
En materia de Infraestruturas e Mobilidade o PSdeG solicita que se inclúa unha partida para construír a segunda fase da avenida de Vigo, en Chapela, a mellora da seguridade e mobilidade na estrada de Reboreda e na PO-250 na converxencia coa rúa Xoan Manuel Pereira coa mellora de beirarrúas e a ampliación da vía .
A nivel medioambiental as demandas dos socialistas pasan polo soterramento da depuradora situada na Marisma “para a mellora da contorna así como para evitar os vertidos e malos cheiros nesta zona do casco urbano” ou a limpeza e mellora das canles dos ríos Maceiras, Pexegueiro, Alvedosa, Pugariño e Fondón.
Reacción do PP
Os populares acusan a Rivas de “mentir” cos Orzamentos da Xunta e de “rebentar todas as opcións de máis investimentos por falta de proxectos e optar pola confrontación”. Salientan as partidas destinadas ao concello “o documento recolle a reforma da Avenida de Mendiño (1.168.000 euros do orzamento total de 1,6 millóns de euros), as actuacións na Illa de San Simón (400.000 euros) ou o Fondo de Cooperación Local (800.000 euros), entre outros”e aseguran que Redondela non recibe máis cartos porque “o goberno de Rivas non presentou ningún proxecto novo nin pedíu nada polas canles establecidas e adicouse exclusivamente a actuar contra os intereses dos redondeláns cunha política de confrontación frontal co Goberno galego”, explicou o voceiro municipal, Javier Bas.
O edil popular cualificou de “surrealista” que a rexedora reclame a imprescindible Escola Infantil de Chapela despois de que deixara pasar catro ordes de axudas da Xunta de Galicia e un convenio para a súa construción nos últimos seis anos e tamén que pida obras en saneamento e redes separativas de augas pluviais, que son unha competencia exclusivamente municipal.









