Hoxe é Venres 12 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Club de Remo de Cesantes pecha unha tempada de crecemento e abre as súas portas para novas incorporacións

f79082c9-e093-4715-a12d-802dde5a5552

Club de Remo de Cesantes na presentación da tempada

O Club de Remo de Cesantes celebra o final dunha tempada chea de desafíos e logros, especialmente no remo feminino, coa creación do equipo Cesantes-Bueu-Cefycal-Simei. Esta iniciativa, centrada na aposta pola canteira e na consolidación dunha embarcación sénior feminina co apoio de mozas de Bueu, permitiu competir con calidade na Liga Galega de Traiñeiras, onde as remeiras remataron na 8ª praza da clasificación xeral. Unha tempada de transición que, a pesar das dificultades, deixou unha pegada de orgullo e potencial para o futuro.

O punto álxido chegou na Bandeira da Concha, a prestixiosa regata celebrada na baía donostiarra. Alí, as rapazas de Cesantes enfrontáronse a un mar embravecido e un vento implacable, finalizando na 19ª posición. Sen clasificarse para a final, a súa actuación foi un exemplo de valentía e determinación. “Representamos con orgullo a nosa ría, e iso ilusiona de cara á próxima tempada”, resume o espírito do equipo, que demostrou un nivel competitivo en ascenso fronte a condicións adversas.

Felipe Silva, adestrador do club, valora positivamente esta primeira experiencia: “O feminino tivo a xuntanza de dous equipos, con todo o traballo que iso implica, e comezaron a adestrar a partir de xullo. Acadar resultados non foi sinxelo, pero deron a cara e a talla. Son rapazas novas e moitas delas competían por primeira vez na categoría. Na Concha, co mal tempo e os nervios, non puideron acadar logros, pero si se senten moi orgullosas de participar e quedaron contentas”. Para o adestrador, a tempada foi “boa” nun contexto de formación, onde o importante foi construír unha base sólida.

De cara ao vindeiro ano, os retos son evidentes. “A cousa está complicada: moitas delas, ao ser tan novas, van marchar a estudar fóra, concretamente cinco a A Coruña”, explica Felipe. Aínda así, o club non baixa os brazos e traballa na continuidade do proxecto feminino, co obxectivo principal de reclutar novas deportistas. Xa comezaron as xornadas de portas abertas, unha iniciativa clave para animar á xente a probar o remo e sumarse ao equipo. Estas sesións, dispoñibles de martes a xoves a partir das 18:00 horas nas instalacións do club, son o primeiro paso para atraer talento fresco e garantir que as traiñeiras volvan á auga con forza renovada.

No equipo masculino, a tempada tamén trouxo cambios: un relevo xeracional con moitos xuvenís ascendendo a sénior, que os deixou na última praza da Liga Galega de Traiñeiras. “Estamos seguros de que para o ano volverán máis fortes”, afirma Felipe, orgulloso do rendemento global. As fichas manteñen unhas números similares á tempada pasada, pero persisten os problemas de infraestruturas, especialmente a falta de vestiarios e instalacións adecuadas para as deportistas femininas, un obstáculo que freia o crecemento do proxecto.

Ademais destes avances, o club enfrontouse a un pequeno acto vandálico a comezos deste mes: unha placa na entrada apareceu con pintadas e firmas, aparentemente obra de rapaces sen mala intención. “É unha chiquillada, pero pensemos que é importante denuncialo para que se entenda que hai que respectar o deporte e o traballo das persoas que hai detrás”, sinala . O club terá que arranxar o desperfecto –mínimo, pero significativo– e lamenta o incidente, sen botar a culpa a ninguén: “Deben ser rapaces e non queremos sinalar a niguén”.

Para captar novos membros, o club estende as súas accións aos colexios, con clases de iniciación á traiñeira. “É importante probar, sobre todo porque o mundo do remo é moi bonito, con moito compañeirismo e un ambiente natural espectacular que acaba enganchando”, anima Felipe dende fora, convidando a valorar o deporte antes de xulgalo.

Quen queira inscribirse pode achegarse directamente ás instalacións do club (a partir das 18:00 horas; os rapaces pequenos adestran os martes e xoves, e o resto todos os días menos o xoves), contactar a través das redes sociais ou chamar ao 697 83 60 63.

Ademais, o calendario do club inclúe eventos para rematar o ano con bo pé: a festa de Nadal co “Desafío 2025” –unha proba anual de exhibición no Peirao de Cesantes, pensada para crear lazos e mostrar o deporte– e o magosto na sede, que se anunciarán proximamente. O Club de Remo de Cesantes segue remando contra corrente, coa mirada posta nun futuro de maior presenza feminina e resultados en ascenso. As portas están abertas: agora é o momento de subirse á traiñeira.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará