Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Ángel Barros no Multiusos da Xunqueira: unha mirada crítica ao xenocidio dende a luz da arte

565128170_1146574437654863_7186597565548566381_n

O Multiusos da Xunqueira, en Redondela, acolle ata o 30 de outubro a exposición do pintor e restaurador local Ángel Barros. A mostra, titulada A luz dá arte en tempos de xenocidio, ofrece unha ollada crítica ao presente, marcado pola guerra e as súas devastadoras consecuencias. Barros, que este mes cumpre 90 anos, explica que esta nova entrega inclúe 12 cadros inéditos, froito do traballo dos dous últimos anos.

A fundación do Museo Ángel Barros devolveulle as ganas de pintar, grazas —di o artista— “ao equipo de persoas que hai detrás, coa formación da asociación Museo Ángel Barros, na que están involucrados Xurxo Martínez, responsable de Normalización Lingüística do Concello, entre outros. Hai dous anos, Barros doou case 150 dos seus cadros ao Concello de Redondela —valorados en máis de 300.000 euros—, coa condición de que formen parte do contido do futuro centro museístico dedicado á historia local. Aínda que o proxecto avanza con lentitude e o edificio segue sen construírse, Barros mantén a esperanza de poder velo rematado: “Estou convencido de que así será”.

A temática central da exposición xira en torno ao xenocidio en Gaza. Barros entende que as persoas que loitan pola autodeterminación do pobo palestino teñen moito en común cos milicianos que defenderon a República durante a Guerra Civil Española. “Agora, máis que nunca, hai que loitar pola cultura e pola determinación dun pobo”, afirma o artista, quen lembra a súa traxectoria profesional como responsable da restauración de varias obras do patrimonio nacional francés, incluíndo lenzos emblemáticos do Louvre.

Esa experiencia coa elite artística deixoulle recordos bos, pero tamén valiosas aprendizaxes que quere transmitir á xente máis nova. “As grandes elites están interesadas en que nós pensemos dunha certa maneira”, explica Barros, quen lembra discusións acaloradas con grandes empresarios durante a súa carreira como restaurador de arte, na que tivo contacto con ministros, actores de cine e xente moi importante. “Por exemplo, dicíanme que o obreiro leva un cacho de pan á casa grazas a nós, hoxe en día non contan que nós os estamos enriquecendo; estamos traballando para eles, pero pensan que nos están facendo un favor só porque levamos ese cacho de pan á casa”, engade, facendo alusión tamén ao seu pasado como persoa que viviu o calvario da Guerra Civil, cun pai miliciano e moita fame.

A exposición de Ángel Barros pode verse ata o 30 de outubro na sala de exposicións do Multiusos da Xunqueira. Unha oportunidade para reflexionar sobre a arte como resistencia nun mundo en conflito.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará