A Confraría de pescadores de Arcade albergará unha aula do mar co obxectivo principal de servir como espazo formativo e de divulgación. O espazo forma parte dos proxectos desenvolvidos polo Galp Ría de Vigo-A Guarda e contará cunha programación orientada a posta en valor dos oficios tradicionais e a divulgación do labor realizado polas mulleres que traballan no sector do mar.
A confraría de pescadores Virxe do Carmen de Arcade albergará unha Aula do Mar, no marco dos proxectos promovidos pola Xunta de Galicia, a través do Grupo de Acción Local (Galp) Ría de Vigo-A Guarda.
A conselleira do ramo, Marta Villaverde, acompañada do delegado territorial da Administración autonómica en Pontevedra, Agustín Reguera, xunto co presidente da Deputación Luís Lopez e o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo asistiron á presentación deste proxecto, co que se dota a esta vila costeira dun espazo de comunicación transversal no que o sector poida adquirir e intercambiar novos coñecementos entre o persoal técnico e científico e a propia veciñanza en áreas como a xestión dos recursos mariños, a loita contra a contaminación ou o cambio climático.
Esta dependencia servirá tamén como plataforma para a posta en valor dos oficios tradicionais, dándolle valor á funcionalidade do pósito como entidade pesqueira local. Ademais, será un escaparate para visibilizar o traballo realizado polas mulleres armadoras, tripulantes e mariscadoras da entidade, e para divulgar os produtos que vende esta entidade, especialmente aqueles vinculados historicamente á zona, como é o caso da ostra e da anguía.
Asemade, este espazo empregarase para realizar actividades que acheguen o sector pesqueiro e marisqueiro ás xeracións mozas, así como para o desenvolvemento de eventos de concienciación con alumnos de centros educativos do concello que amosen a importancia da confraría como ente dinamizador da economía da localidade.










