A Concellería de Infraestruturas e Sostibilidade vén de licitar os traballos de pavimentación e mellora en dúas vías municipais: o camiño do Subido en Chapela e o camiño das Cabritas en Quintela. O Concello anuncia cortes de tráfico puntuais no camiño da Buraca en Chapela por traballos de fresado e asfaltado. As labores de reparación comezarán hoxe luns, día 20 de outubro, e prolongaranse durante dúas semanas.
No caso do camiño do Subido as obras incluirán a mellora da drenaxe e a pavimentación con aglomerado asfáltico en quente, cunha lonxitude total de 186 metros, o que supón unha superficie aproximada de 772 metros cadrados. Tamén se realizará a limpeza de beiravías e taludes do camiño. O orzamento ascende a 30.409,55 euros e permitirá mellorar a seguridade na circulación nunha zona que presenta un gran desnivel. Este ó o segundo tramo que se arranxa no camiño do Subido, onde nun primeiro tramo habilitouse unha franxa peonil con máis agarre para facilitar o tránsito dos peóns e evitar riscos de caídas.
Por outra banda contratouse a pavimentación do camiño das Cabritas, en Quintela, tamén con aglomerado asfáltico en quente cunha lonxitude total da estrada de 157 metros, cunha superficie aproximada de 650 metros cadrados. Neste caso tamén se procederá á limpeza das cunetas e taludes do camiño. O orzamento destes traballos ascende a 11.858,00 euros.
Cortes de tráfico no Camiño da Buraca
O Concello anuncia cortes de tráfico puntuais no camiño da Buraca en Chapela por traballos de fresado e asfaltado. As obras afectarán desde o cruce do camiño da Buraca co camiño da Traída e parte do camiño do Gaio. As labores de reparación comezarán hoxe luns, día 20 de outubro, e prolongaranse durante dúas semanas.
Desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade solicitan aos condutores que, na medida do posible, eviten circular por este camiño. Con todo, os traballos organizaranse para causar as mínimas molestias no horario de entrada e saído do CEIP Igrexa, situado nas inmediacións.









