Aseguran que a actuación beneficiaría a unhas 80 vivendas da parte alta da parroquia. Reclaman ao goberno local que consigne os fondos necesarios para acometer esta obra que segundo denuncian “leva paralizada máis de dous anos”.
Dende a organización nacionalista solicitan ao goberno de Digna Rivas que tamén considere como estratéxica a finalización desta infraestrutura, tal como argumentan para outros equipamentos. A paralización do aumento da rede de saneamento supera xa os dous anos, polo que consideran que é xa hora de poñer fondos económicos enriba da mesa. Entende o voceirio nacionalista, Xoán Carlos González, que se trata dunha reivindicación de hai décadas á que o goberno municipal debe dar resposta.
O edil fala da “necesidade dun impulso definitivo para que o saneamento chegue a todos os veciños e veciñas de Cabeiro” cubrindo así un dereito para que as vivendas dos camiños da Agra, camiño da Coviña e camiño de Soutiño dispoñan das mesmas infraestruturas e servizos básicos en todas as partes do concello. Entende que esta situación “é un agravios para os residentes nesas zonas que levan varias décadas agardando para que se lle dea resposta as súas demandas, e esa resposta nunca chega”.
Lembra o nacionalista que as últimas inversións en saneamento remóntanse ao ano 2023 e empraza ao goberno de Digna Rivas a poñer todos os seus esforzos en desenvolver a rede.









